Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FRONTE Á "SOBREEXPLOTACIÓN" DOS RÍOS GALEGOS

Medio Ambiente negocia a eliminación de medio cento de proxectos de minicentrais

Alén dos corenta proxectos hidroeléctricos xa anulados nos últimos meses, a consellaría de Medio Ambiente negocia agora a paralización dos proxectos de construción de minicentrais que lle foron concedidos a outras 38 empresas e que aínda non están en funcionamento. O conselleiro, Manuel Vázquez, agoirou problemas coas 16 licencias que xa iniciaron obras e explicou que no resto se podería ofrecer axudas económicas e outras compensacións. Como exemplo dos excesos favorecidos pola anterior administración citou o caso do río Ulla, onde ademais das 10 centrais activas se outorgaron outras 9 e 9 máis se atopaban en trámite ao cambiar o goberno.

- 06:56 07/02/2006
Tags:

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, relatou que se esgotarán todas as vías para tratar de frear todos os proxectos, aínda recoñecendo que será difícil que non entren en funcionamento os 16 saltos eléctricos que xa iniciaron obras. Para os outros 33 explicou que a consellaría estuda varias posibilidades, que inclúen o establecemento de axudas ás empresas concesionarias para a mellora das instalacións das que xa dispoñan noutros lugares. Vázquez insistiu ademais en que as empresas deben ser conscientes de que a rendabilidade de moitas das licencias de minicentrais outorgadas é moi pequena, máis aínda comparada co volume dos danos ambientais que causarían.

Medio Ambiente tamén cavila dialogar coa consellaría de Industria ao respecto da posibilidade de que as empresas que renuncien ás licencias para minicentrais poidan logo ser privilexiadas á hora de optaren a licencias para parques eólicos. Manuel Vázquez subliñou que "Galiza xa é un país excedentario en produción de enerxía" e laiouse de que "boa parte das concas hidrográficas están sobreexplotadas". O conselleiro detallou que na actualidade están activas 64 centrais eléctricas no paí, explotadas por 59 empresas, e hai 49 outorgadas que aínda non están en funcionamento. Vázquez lembrou ademais que a consellaría suspendera 24 expedientes correspondentes a novas solicitudes e 9 de ampliación.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: