Logo das vitorias de Óscar Pereiro e Marcos Iglesias no Tour, así como da boa actuación de David Blanco na Vuelta, empezaron a escoitarse voces a prol da creación dun equipo profesional de ciclismo. Esas voces concretáronse en distintos encontros que mantivo a Dirección Xeral para o Deporte e ciclistas e directores de equipo. Pero parece que o primeiro equipo ciclista profesional galego non será ese, senón o SCR de Oleiros, enteiramente feminino.
O SCR de Oleiros é un equipo de ciclismo feminino que traballa nas disciplinas do ciclocrós e do fondo en estrada. Agora está dando os primeiros pasos para constituírse como profesional para a tempada 2006-07, fundamentalmente centrado no fondo en estrada pero tamén dedicado ao ciclocross na tempada desta especialidade. Ademais, respaldará a Eva Castro na Copa do mundo de montaña nas especialidades de descenso e de dual eslalon.
O Concello de Oleiros anunciou que se chegou a un acordo cunha inmobiliaria con sede en Galiza con este obxectivo. O SCR, ou como se denomine no futuro acadará rango profesional en categoría elite, terá cando menos a metade das ciclistas galegas, contratará un director deportivo galego e participará en probas de nivel europeo. O material deportivo seguirao fornecendo a multinacional estadounidense Specialized.
O SCR foi creado como tal hai un ano, pero figuran nel as mellores ciclistas de Galiza. Nel brilla con luz propia Eva Castro, campioa estatal en varias ocasións nas modalidades de descenso e eslalon por parellas, e unha das dez mellores cicilstas de montaña do mundo nestas especialidades. Tamén están no clube de Oleiros, Lucía Gato, campioa de España de fondo en estrada, e xa internacional e mais Hadriana García e Rocío Loureda, subcampioas estatais de ciclocrós nas categorías xuvenil e cadete.
No estado só existe na actualidade un equipo profesional feminino, o vasco Joane Somarriba, ex-campioa do mundo e gañadora en tres ocasións do Tour de Francia.