Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DE QUE O CONSELLO DE MINISTROS AUTORIZASE A OPA DE GAS NATURAL SOBRE A ELÉCTRICA

PPdeG e BNG subliñan a preocupación polo futuro dos investimentos de Endesa en Galiza

Con proxectos de investimento en Galiza por valor de máis de mil millóns de euros na actualidade, os efectos inmediatos para Endesa logo do permiso do goberno español á Oferta Pública de Adquisición lanzada por Gas Natural, serán a venda da central térmica das Pontes e máis da participación en Reganosa, o 21% sobre o total da regasificadora. O BNG advertiu que no acordo "non existen suficientes garantías sobre o cumprimento dos investimentos previstos por Endesa en Galiza". E sobre o mesmo asunto, o PPdeG opinou que "está en risco o futuro da planta regasificadora de Ferrol" xa que Gas Natural tería que vender as participacións de Endesa no proxecto.

- 07:50 06/02/2006
Tags:

"Só a apertura á competencia da venda destes activos pode abrir a vía de que empresas participadas por capital galego poidan optar a eles. Só dese xeito podemos favorecer que Galiza teña unha presenza significativa nun sector estratéxico para calquer economía moderna", opinou sobre a decisión do goberno español o coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera. O Bloque insiste así en que a venda de activos á que debe facer fronte Endesa se faga "en condicións que aseguren a liberdade de concorrencia das distintas compañías con presenza no sector". Ao fío, os nacionalistas galegos rexistrarán diversas iniciativas parlamentarias para "fiscalizar que os investimentos previstos en Galiza no sector de xeneración eléctrica non se vexan afectados no máis mínimo por esta operación agora aprobada polo goberno español".

"Non hai dúbida de que a fusión Gas Natural-Endesa lle afectará á competencia e suporá un grave risco que probablemente remate nun monopolio no subministro de gas e electricidade", advirten desde o PPdeG nun comunicado. Opinan os populares galegos que a operación "repercutirá negativamente nos servizos, provocando un claro aumento dos prezos e deixando aos consumidores sen posibilidade de poder optar por outro operador". Ademais da especial preocupación polo caso de Reganosa, os populares avisan que da prohibición a Gas Natural durante dous anos da compra de ningunha nova central de ciclo combinado que estea en funcionarnento ou en probas "dedúcese que tampouco poderá promover novos ciclos combinados, o que pon en risco o proxecto de As Pontes". Os populares piden a comparecencia urxente dos conselleiros de Economía e Innovación para aclarar a posición da Xunta diante desta situación.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: