A iniciativa da consellaría de Medio Ambiente, a semana que vén haberá reunión dos departamentos de Industria, Economía e Medio Rural para a creación da mesa de traballo que debaterá o futuro da fábrica que Ence ten a pé da ría de Pontevedra. "O obxectivo é que a empresa saia viva, enteira e reforzada da negociación", comentou este xoves ao respecto o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez. Mentres, abrollan as primeiras posicións críticas desde algúns concellos logo da filtración dun estudo promovido pola administración galega sobre ubicacións alternativas para a celulosa.
O polígono industrial conxunto entre os concellos de Barro e Meis, o municipios próximos de Cotobade, na propia comarca pontevedresa e Cuntis, na comarca de Caldas, aparecen como as opcións máis recomendadas no estudo promovido desde a Xunta ao que esta semana fixeron referencia algúns diarios. Sobre as especulacións para a posíbel ubicación futura da celulosa, o conselleiro de Medio Ambiente insistiu este xoves en que en calquera caso "serán claves os estudos de impacto ambiental".
O bipartito citouse para a próxima semana para organizar a mesa de traballo que negociará o futuro da fábrica de Ence e que logo de definir a posición desde o propio goberno galego abrirá o diálogo a axentes sociais e económicos e concellos afectados. Manuel Vázquez recoñeceu que desa mesa deberán xurdir xa propostas concretas dos destinos posíbeis para a factoría que actualmente está en Lourizán, toda vez que a propia "presión social" recomendaría acelerar os traballos para un traslado que ENCE debe realizar antes de que en 2018 finalice a súa actual concesión.
Desde os concellos marcados coma alternativa posíbel neste primeiro estudo do que se ten noticia, xurden as primeiras reaccións. Así, e mentres desde o goberno local de Cuntis, coa alcaldesa socialista Fátima Monteagudo, prefiren agardar a que se faga público o informe para entrar a valoralo, desde o Consello de Barro o alcalde do PPdeG, Xosé Antonio Landín Eirín, afirmaba que a proposta "non ten nin pés nin cabeza".
"O sentido común dime que sacar Ence da cidade de Pontevedra para trasladala a só 14 ou 15 km non é viábel, e máis cando se fala de facelo a unha zona en plena expansión de vivendas unifamiliares", declarou para Vieiros o alcalde de Barro. O mandatario do PPdeG opina que tecnicamente tamén semella complicado que o novo polígono de Barro-Meis, cuxa construcción está previsto iniciar este mesmo ano, poida acoller a factoría e advirte das complicacións de "subministrar os 500 litros/segundo que necesita a fábrica". "Non creo que haxa fundamentos sólidos para ese traslado ao concello de Barro, iso está fóra da realidade e a nós o terreo cómprenos para outro tipo de industrias", apunta o rexedor, "e a nosa posición é clara, imos opoñernos a que a traian para aquí".
"Ninguén nos consultou nin nos pasou o informe, malia que si temos constancia da súa existencia", comenta o alcalde. Ao tempo, e sobre unha hipotética presencia dunha delegación do concello na mesa de traballo promovida polo goberno galego que no futuro debatera cos representantes municipais a posíbel instalación da celulosa de ENCE, Landín avisa que o seu Concello "non participaría" nesa reunión, xa que "descartamos clara e rotundamente esa posibilidade e en último caso mesmo estariamos dispostos a paralizar o expediente de construción do polígono".
"É posíbel que no seu momento Ence fora mal ubicada no lugar onde está", recoñece o alcalde ao tempo que prognostica que a fábrica "ou pecha ou segue no mesmo sitio". Sobre o mesmo asunto falou este xoves para o Diario de Pontevedra o alcalde socialista de Cotobade, quen advertía que "a proposta non debe ser boa se ninguén a quere". Mentres, o presidente da deputación de Pontevedra, o popular Rafael Louzán, declaraba este xoves que a institución "falará do traslado cando aclaren como e cando e poñan os cartos por riba da mesa".