A posibilidade da creación dun Consello de Xustiza que "asuma o goberno do poder xudicial en Galiza" ou a creación dun Consello Galego de Administracións Locais de cara a organziars a participación dos concellos en determinadas actuacións do goberno galego son algunhas das propostas avanzadas sobre o contido do informe do Consello Consultivo para o proceso de reforma estatutaria. Aínda sen carácter vinculante, o estudo foille entregado este xoves á presidenta do Parlamento, que agora llo fará chegar aos grupos parlamentarios antes da posta en marcha este mes na ponencia sobre a a reforma do Estatuto de Galiza.
"Abre valiosos camiños en materia de delimitación dos ámbitos competenciais de Galiza", comentou o presidente da Xunta este xoves, destacando tamén os apuntes e "as perspectivas positivas sobre como artellar a participación na toma de decisión na Unión Europea e no exterior". Emilio Pérez Touriño referiuse tamén de xeito concreto ás especulacións sobre como trata o documento a posibilidade de que a reforma estatutaria se pronuncie sobre o coñecemento da lingua "coma un deber". Segundo explicou, ese deber restrinxiríase aos funcionarios: "podería facerse sempre que se acoute a determinados casos especialmente relacionados coa función pública, pero nunca como imposición coercitiva con carácter universal".
Outros aspectos destacados do documento estarían nas súas recomendacións para o recurte no financiamento das deputacións provinciais, aínda sen chegar ao estremo de suprimilas, a definición de competencias "do xeito máis explícito e detallada posíbel" ou a inclusión no novo texto de institucións que xa foron creadas nos últimos anos coma son o propio Consello Consultivo ou o Consello Asesor de Telecomunicacións e o Consello Económico e Social.