Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEBATE SOBRE O NOVO FINANCIAMENTO

Os tres grupos parlamentarios galegos apúntanse á reclamación da "débeda histórica"

"Hai espírito de chegarmos a acordo", subliñou o responsábel de Economía do bipartito, Xosé Ramón Fernández Antonio, ao respecto da xuntanza dos tres partidos previa á próxima viaxe do conselleiro a Madrid para asistir ao Consello de Política Fiscal e Financieira. Na reunión, destacou a decisión do PPdeG de apuntarse á reclamación da débeda histórica, reivindicación inicialmente proposta polo BNG. Sobre o tema, o PSdeG preferiu referirse ao "défice histórico". Alén dos consensos básicos, os nacionalistas insitiron na necesidade dunha negociación bilateral co goberno español, mentres os populares pedían restrinxirse a un acordo multilateral con todas as autonomías e os socialistas propoñían combinar as dúas posibilidades.

- 07:05 03/02/2006
Tags:

"Vanse aproveitar todas as oportunidades do novo modelo de financiamento para chegarmos ao máximo posíbel", precisou o conselleiro de Economía. Ao respecto da diverxencia entre os grupos parlamentarios galegos sobre a necesidade ou non de negociacións bilaterais, Fernández Antonio asegurou que alén de que cara a revisión do modelo de financiamento Galiza vaia participar no propio escenario multilateral que proporciona o Consello de Política Fiscal e Financieira, si se producirán contactos bilaterais co goberno español para definir as necesidades concretas da nosa comunidade. Os tres partidos coincidiron outra vez en salientar a necesidade de que o novo sistema introduza os criterios da dispersión poboacional e o avellentamento.

O conselleiro prometeu que o diálogo e as posicións comúns que acaden os partidos galegos haberán de concretarse no "rigor das cifras". Evitando referirse de xeito concreto sobre o concepto de "débeda histórica", Xosé Ramón Fernández Antonio comentou que o goberno do Estado "ten un papel nivelador e reequilibrador".

Sobre ese punto producírase unha viraxe no discurso do PPdeG, que por boca do seu representante e ex conselleiro, Xosé Antonio Orza, subliñou a necesidade de que o Estado compense a Galiza esa débeda. Orza tamén alertara de que os populares prefiren que todo contacto para a revisión do financiamento sexa nun marco multilateral que evite "acadarmos 17 modelos diferentes no Estado". Desde o BNG, Carlos Aymerich pediu negociar de xeito único co goberno español ao xeito da vía que veñen de abrir os partidos cataláns, "eles arelan a suficiencia financieira e establecen os pasos para acadala", subliñou, "nós debemos facer o mesmo axustándonos ás necesidades galegas". Nese contexto, desde o PSdeG, Ismael Rego escolleu referirse ao concepto de "défice histórico" e destacou o camiño cara ao consenso entre os tres grupos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: