Galiza comeza o ano co menor incremento do paro a nivel estatal, un 1.5% fronte a unha media no Estado do 3.23%. Ao tempo, a traxectoria interanual amosa que respecto a xaneiro de 2004 diminuiu a taxa de desemprego un 4.25%, evolución só mellorada por Asturias, Cantabria e Baleares. Iso non evitou que neste mesmo mes onde a inflación máis zoupou nos petos dos cidadáns, cunha suba media dos prezos do 4,2%, un total de 2.725 galegos quedaron sen emprego ou asinaron a súa primeira entrada ás listas de Inem.
A estatística máis positiva aparece se miramos a evolución ao longo dos últimos doce meses, período onde 8.043 persoas saíron das listas do Inem en Galiza, caída do 4.25% respecto ao total, que axuda á converxencia dos números co resto do estado, onde esa redución se limitou a unha media de apenas o 0.23%.
O Inem tamén peneirou desta volta as porcentaxes dos extranxeiros residentes en Galiza que aparecen na lista do paro, un total de 5.656 segundo o último reconto, 136 máis ca en decembro e 983 máis dos que había hai doce meses. Dese total, un total de 1.885 veñen de países da Unión Europea, sendo o resto, 3.771 extracomunitarios.
Por provincias o maior aumento do paro no último mes rexistrouse en Lugo e Ourense, co 4.3% e o 3.13% en cada un dos casos. Ao longo do ano, a maior caída do desemprego rexistrouna a provincia da Coruña, cun 6.11% menos de parados, seguida de Lugo, 3.76%, e Pontevedra, 3.61%. En Ourense só 68 persoas menos aparecen inscritas nas listas, diminución do 0.3%.
A diverxencia entre a EPA e o INEM
Habendo poucos días desde que lles contáramos das cifras de desemprego achegadas pola Enquisa de Poboación Activa, que recollía un total de 114.300 parados na fin de 2005, fronte aos 181.401 que rexistran as listas do INEM, aproveitamos para contarlles das diferencias de criterio no reconto de parados que se fai para cada unha destas estatísticas.
Así, a EPA elimina do seu reconto aos desempregados que non cumpran determinados requerimentos de busca e dispoñibilidade e por exemplo, non considera a aqueles que non tiveran contacto no mes anterior coa oficina de emprego para tratar de buscar traballo. Por outro lado, a EPA considera aos desempregados que buscan emprego por outras canles, aparte dos servizos de colocación da administración, e doutra beira, a lista dos servizos públicos de emprego exclúe tamén a estudantes, ou xente que busca empregos coxunturais ou de xornada reducida.