Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DECÁLOGO DE "MEDIDAS URXENTES"

Traballo asígnalle o 40% do seu orzamento a un plan de emprego para a xuventude

Graves carencias de formación, con máis de 30 mil mozos sen ningún tipo de titulación profesional; apenas un 3% de contratos indefinidos; unha taxa de emprego que está seis puntos por baixo da media estatal; alta porcentaxe de paro, até o 21,4% os mozos, e do 28% no caso das mozas... Foron algunhas das cifras que o propio conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, lembrou este mércores ao tempo que presentaba un conxunto de dez medidas, cunha dotación conxunta de 124 millóns de euros, que queren facilitar a empregabilidade de arredor de 45 mil parados menores de trinta anos.

- 16:31 01/02/2006
Tags:

A consellaría calcula que arredor de 8.600 mozos e mozas traballadores poidan beneficiarse dos incentivos directos á contratación estábel ou, no seu caso, para a transformación dos seus contratos temporais en indefinidos. Ao tempo, as eivas detectadas en formación tratarán de atenderse con programas de mellora da empregabilidade que se espera poidan chegar até algo máis de 20 mil mozos. Ao tempo, Traballo cifra en 3 mil o número de emprendedores que se poderán acoller a axudas específicas para botar adiante as súas iniciativas empresariais. Alén diso, agárdase que preto de 16 mil mozos e mozas poidan participar nas accións de orientación profesional previstas. Desde a consellaría asegura que se trata de medidas "basicamente consensuadas cos axentes económicos e sociais" e que terán vixencia até que o proceso de diálogo aberto se concrete nun próximo "Plan de Emprego Xuvenil".

Na busca de emprego "estábel e de calidade"
Entre os incentivos concretos cos que a administración galega quere turrar pola inserción laboral dos mozos inclúese a decisión de poñer os cartos para contratacións en período de proba ou a subvención a fondo perdido da súa contratación indefinida inicial. De igual xeito, haberá axudas para a contratación indefinida inicial de mozos que pasen a substituír a traballadores xubilados. Tamén se concederán incentivos económicos pola contratación en prácticas de titulados en profesións cos niveis de paro de longa duración máis elevados e pola transformación de contratos temporais de todo tipo en indefinidos.

Este conxunto de medidas a prol do emprego estábel leva asignados 39 millóns de euros, e váiselle pedir ás empresas beneficiarias que presenten unha taxa de estabilidade laboral mínima do 70% entre os seu cadro de traballadores. De xeito especial, prímase a inserción laboral feminina, cuadruplicando a suma das axudas no caso da contratación das mulleres.

Diagnóstico da fenda entre formación e a oferta laboral
"Un dos grandes problemas do mercado de traballo xuvenil é que a oferta laboral non se corresponde coa formación profesional dos desempregados". O conselleiro subliñara xa nunha comparecencia anterior a necesidade de consensuar un plan urxente para os 30 mil mozos sen titulación profesional de ningún tipo que están nas listas galegas do paro. Nesa liña decidiuse destinarlle até 85 millóns de euros a cubrir esas eivas .

A estratexia neste caso inclúe a oferta de traballos supervisados en entidades locais e outras administracións que poidan ser incluídos posteriormente polo mozo coma aval de formación no seu currículo. Para os desempregados sen estudos básicos ofrécense programas de formación ocupacional e para os parados con "titulacións de difícil empregabilidade" facilítase o acceso a obradoiros de emprego, escolas e casas de oficio onde poidan optar por un cambio de ocupación.

Alén disto, deseñouse un programa específico para a promover a inserción feminina en ocupacións que tradicionalmente teñan un baixo nivel de acceso para as mulleres. Nestes casos, Traballo subvencionará o período de formación das desempregadas nas empresas, con compromiso de contratación.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: