O Consello Consultivo de Galiza entregoulle esta mañá ao presidente da Xunta o texto que establece o marco xurídico-técnico no que podería basearse a reforma do Estatuto galego, e que se fará chegar aos distintos grupos parlamentarios. O informe analiza, entre outras cuesións, a posibilidade de establecer a obrigatoriedade de coñecer o galego, así como de incorporar os chamados 'dereitos de segunda xeración' e a creación de novas institucións autonómicas, xa que considera que dende 1981 naceron entidades que poderían merecer "relevancia estatutaria".
Touriño valorou o informe como "unha valiosa contribución e orientación xurídica no inicio dos traballos da ponencia" e sinalou que supón aproveitar a capacidade e a solvencia do máximo órgano consultivo de Galicia. De todos xeitos aclarou que este ditame "non pretende condicionar o proceso", senón que o seu obxectivo é dar "as máximas facilidades e información" ao Parlamento para que "actúe con plena liberdade", dentro do marco constitucional.
Competencias e dereitos lingüísticos
O informe que se fará chegar ao Parlamento pretende servir de "guía e reflexión" respecto do "marco" no que se levará a cabo a reforma. O texto aborda seis cuestións relevantes para a reforma, os ámbitos de competencias non exclusivas do Estado que se poderían incorporar ao texto reformado, os mecanismos xurídicos que se poderían establecer para garantir o pleno exercicio das competencias asumidas pola comunidade, a posibilidade de establecer a obrigatoriedade do coñecemento da lingua galega ou a capacidade de que Galicia recolla no seu estatuto a posibilidade de participar en organismos superestatais.
O informe analiza ademais a posibilidade de incorporar novos dereitos, os chamados de segunda xeración, ao texto estatutario reformado, estudiando o acomodo xurídico que tería a incorporación dunha carta de dereitos e deberes e cales poderían ser os mecanismos de garantía deses dereitos.
Por último o informe aborda a posibilidade de que se incorporen novas institucións autonómicas ao articulado do texto reformado, xa que dende 1981 xurdiron novas institucións que poden merecer ter relevancia estatutaria.
Que é o Consello Consultivo?
trátase dun órgano consultivo, de carácter técnico xurídico, creado pola Lei 9/1995, do 10 de novembro, que está ao servizo das administracións públicas de Galiza, e que, ao igual que outros órganos semellantes existentes no Estado -Consejo de Estado ou consellos consultivos autonómicos-, ten como fin último velar pola legalidade dos actos e as disposicións administrativas e, en xeral, pola observancia da Constitución, do Estatuto de Autonomía de Galiza e do resto do ordenamento xurídico.
Para iso, e a instancia das autoridades da Xunta de Galiza ou das corporacións locais, elabora ditames xurídicos na fase do procedemento inmediatamente anterior á toma de decisión por parte destas, e sobre a base dunha proposta que lle é sometida para o seu exame xurídico. O ditame pode ser confirmatorio ou contrario ao acto ou disposición que se pretende adoptar, segundo estes resulten ou non axustados a dereito.
O Consello goza de independencia no exercicio da súa función e en garantía desta e da súa obxectividade, está dotado por Lei de plena autonomía, orgánica e funcional respecto de calquera outro órgano da Administración.