Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFRAESTRUTURA CLAVE PARA A EURORREXIÓN

Os alcaldes do Eixo Atlántico insisten en que o novo tren Vigo-Porto relanzaría a economía

Reunidos este martes para asinar a chamada Carta de Aalborg, documento que compromete aos seus concellos a promover un "desenvolvemento urbán sustentábel", os alcaldes das dezaoito cidades do Eixo Atlántico falaron tamén en Compostela do futuro do prometido tren de alta velocidade entre Vigo e Porto. Os rexedores amosaron a preocupación polo adiamento desa obra, agoirando que esa situación será freo para a economía da Eurorrexión e aumentará a fenda con outras zonas da península.

- 08:48 01/02/2006
Tags:

O propio presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacara a importancia do novo tren da Eurorrexión como clave para o futuro do Eixo Atlántico. Pola súa beira, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, criticou que "adiar esta obra é un cambio substancial no proxecto de futuro da eurorrexión", e aínda subliñando que "é unha lexítima decisión do goberno de Portugal" advertiu que "todos os prognósticos de crecemento económico e a estratexia conxunta de desenvolvemento serán revisados agora á baixa". Mentres, a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, estendeu esa preocupación cara ao goberno español, laiándose de que non se reclamasen aínda á Unión Europea fondos para financiar ese proxecto.

Compromiso coa "Constitución do Desenvolvemento Sustentábel"
Redactada a mediados dos 90 na cidade danesa de Aalborg durante a Conferencia Europea de Cidades Suistentábeis, a "Carta Aalborg" que agora asinan as 18 cidades do Eixo Atlántico, compromete aos seus gobernos locais coa aplicación de todo tipo de políticas a prol de modelos alternativos de desenvolvemento. O abano inclúe desde a recuperación de espazos degradados até a promoción de enerxías renovábeis ou a xeración das condicións necesarias para frear a especulación urbanística e obstaculizar a destrución da paisaxe, ademais do fomento de usos racionais do solo. Segundo o presidente da Xunta, a sinatura desta declaración de intencións axudará a "xerar un comportamento responsábel en materia ambiental dentro destas urbes, así como a preservar os seus recursos naturais".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: