O gobernador da provincia arxentina de Entre Ríos, Jorge Busti, confirmou esta semana e despois de xuntanza co presidente Néstor Kirchner, que o goberno de Arxentina vai levar ao Tribunal da Haia o conflito pola instalación de dúas celulosas en territorio fronteirizo con Uruguai, promovidas pola galega Ence e a finlandesa Botnia. O ministro de Exteriores uruguaio, Reinaldo Gargano, queixouse esta fin de semana de que o goberno Kirchner non deixase rematar o traballo da comisión técnica conxunta que avaliaba as consecuencias ambientais. Pola súa banda, o goberno de Uruguai anunciou que acudirá aos tribunais do Mercosur para queixarse dos curtes de estradas promovidos por colectivos ambientais na zona.