Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VII CUMIO GALIZA-ASTURIAS

Dez conselleiros galegos e sete asturianos sentan xuntos esta fin de semana para recuperar a colaboración entre as dúas comunidades

Modernización e Mellora da Administración; Políticas de Igualdade; Infraestruturas e Territorio; Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel; Cultura e Turismo; Educación e Universidades; I+D+I; Medio Rural; e Pesca e Asuntos Marítimos. Serán estas as nove mesas sectoriais que organizarán en Compostela o traballo do foro galaico-asturiano que terá lugar o domingo 29 e o luns 30 e de onde se agardan saian acordos concretos que xa abrollaron dos contactos previos. Pasaron máis de sete anos desde o cumio anterior e os gobernos actuais agardan converter esta xuntanza nunha cita anual.

- 14:02 27/01/2006
Tags:

"Vai pechar un paréntese de moitos anos e establecer unha constante liña de colaboración entre os dous territorios fronteirizos", explicou este venres o secretario xeral da Presidencia, Gumersindo Guinarte, na presentación do cumio. "O obxetivo é relanzar a colaboración e a cooperación entre Galiza e Asturias logo de sete anos". Guinarte comentou que "o obxetivo último é chegar a un nivel de colaboración e intereses conxuntos que ata agora non se teñen producido". Avanzou ademais que as dúas administracións amosaron a vontade de seguir mantendo estas reunións con periodicidade anual e de xeito alternativo entre Galiza e Asturias.

Alén dos encontros oficiais que terán o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o presidente do Principado de Asturias, Vicente Álvarez Areces, o interés principal estará nas xuntanzas que organizadas en nove mesas sectoriais servirán para o intercambio de proxectos entre representantes de diversos departamentos dos dous gobernos. Nesas xuntanzas participarán até setenta membros de diversos gabinetes, liderados por dez conselleiros galegos: o vicepresidente de Igualdade e os titulares de Presidencia; Economía; Política Territorial; Educación; Industria; Medio Rural; Cultura e Deporte; Pesca e Medio Ambiente, e doutra beira sete conselleiros asturianos: os de Economía; Presidencia; Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; Cultura e Turismo; Educación; Medio Rural e Pesca; e o titular de Xustiza e Relacións Exteriores.

Áreas de traballo
A coordinación para o impulso de proxectos en materia de infraestruturas coma é o caso da rede viaria que une ás dúas comunidades coa definición dos eixos de comunicación interiores entre Galiza e Asturias ou o futuro da rede ferroviaria do Feve serán cuestión prioritaria nesta xuntanza.

Doutra volta, haberá intercambio de iniciativas sobre a situación das mulleres rurais e o emprego, recursos para unha atención integral ás vítimas da violencia, a posíbel extensión das sendas verdes, coordinación na xestión dos recursos piscícolas fluviais, protección medioambiental da ría do Eo, cooperación en materia de abastecemento e saneamento de augas, posíbel intercambio de exposicións e grupos musicais e teatrais, recuperación Camiño Primitivo a Santiago, experiencias conxuntas en centros tecnolóxicos e de investigación coas empresas, colaboración na loita contra os incendios forestais, mellora dos modelos de xestión forestal...


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: