Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEDIO AMBIENTE CONTABILIZA 68 INSTALACIÓNS QUE DEBERÁN REDUCIR AS EMISIÓNS DE GASES

A Xunta axudará as empresas galegas para que poidan cumprir co Protocolo de Quioto

Medio Ambiente ofrecerá asistencia gratuíta, mediante a contratación de empresas externas, ás empresas galegas afectadas polo cumprimento do Protocolo de Quioto. A consellería contabiliza até 68 instalacións en Galiza que deberán reducir as emisións de gases en virtude do Plan Nacional de Asignación que estableceu o Ministerio. O titular de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, dixo apostar por unha "política de transparencia" e "total sintonía" entre a administración e os sectores implicados para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro.

- 14:13 27/01/2006
Tags:

Durante unhas xornadas informativas sobre o impacto do cambio climático, o conselleiro engadiu que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostíbel porá en marcha "unha serie de medidas" -aínda sen concretar- entre as que se inclúe unha xuntanza técnica o mes que vén.

A reunión hase celebrar antes de que as empresas fagan públicos os primeiros certificados de emisións do primeiro período do Plan Nacional de Asignación. Medio Ambiente prevé contar coa Oficina Galega para o Cambio Climático -no pazo de Lourizán-, pois -din- "aportará solucións individuais e colectivas ás instalacións implicadas".

Asignacións

As asignacións ás instalacións galegas no período 2005-2007 son as seguintes (en t de CO2): 13.742.176 en 2005 (dun 178.068.120 estatal); 12.926.921 para 2006 (171.196.408), e 12.114.625 (170.363.212).

O secretario xeral para a Prevención da Contaminación e do Cambio Climático, Arturo Gonzalo Aizpiri, sinalou que Galiza debe "apostar polas enerxías renovabeis e a biomasa para facerlle fronte ao gran desafío medioambiental" que supón o cumprimento de Quioto.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: