O Brasil 1 chegou xa ao porto de Fremantle, na costa occidental de Australia, logo de navegar unhas 1.300 millas cun mastro improvisado e usando o motor de emerxencia. O barco, onde navega o coruñés Chuni Bermúdez, xa está fóra da auga e está a ser desmontado para cruzar 3.400 quilómetros polo deserto australiano ata Melbourne. O obxectivo, facer as reparacións antes do sábado 4 de febreiro, cando se desputará a vindeira regata.
O Brasil 1 aportou xa a Fremantle, unha pequena cidade portuaria na costa occidental australiana e saída ao mar da populosa Perth. Fíxoo dentro dos cálculos previstos pola tripulación, logo de percorrer as últimas 1.300 millas a velocidades moi baixas (seis ou sete nós), cun mastro de emerxencia, coa axuda do motor e escoltados por un barco pesqueiro. Lembremos que cando estaba recuperando a distancia perdida e se dirixía cara á meta voante da Illa Eclipse, o Barco 1 sufriu unha rotura no tensor do estai e, conseguintemente, unha gravísima fractura do mastro en tres pedazos.
O Brasil 1 xa foi colocado no berce, a estrutura de madeira que sustenta o barco cando está fóra da auga, e o equipo de terra xa desmontou a quilla e o leme. Agora quédalle unha longa viaxe ata Melbourne, na costa sudoriental de Australia. Ou sexa, uns 3.400 quilómetros de estrada en paralelo á costa meridional.
O comandante do Brasil 1, o brasileiro Torben Grael, sinalou que a viaxe tras a rotura do mastro "foi extremadamente cansa. O mastro estabiliza o barco e a presión dos ventos nas velas e sen el a viaxe resulta bastante incómoda". "Agora estamos en terra e imos correr contra o tempo para deixar todo preparado. Non podemos ter ningún contratempo. Hai moito que facer e só algunhas horas para facelo", engadiu.
A previsión do equipo que traballa en Australia é de que o veleiro estea listo para o remolque hoxe venres hg, e que cheguen a Melbourne o martes 31. Ese mesmo día debería chegar o mastro novo, que está en Inglaterra. A partir de aí, o equipo terá tres días para instalar o mastro e preparar o barco para a regata costeira, que se desputa o sábado 4, e que será a vindeira tirada da Volvo Ocean Race.