Un total de 45 mil desempregados teñen en Galiza menos de 30 anos, segundo o estudo da consellaría de Traballo. Dese total, o 60% son mulleres e xunto aos 12 mil inscritos que aínda non traballaron nunca, outros 12 mil son considerados parados de longa duración. Ao tempo atopouse que o 67% destes mozos non teñen ningunha de titulación de tipo profesional e ao respecto, desde o departamento do conselleiro Ricardo Varela, propoñen que administración, empresarios e sindicatos acorden un plan destinado a "mellorar a súa empregabilidade e fomentar a incorporación ao mercado laboral con contratos estábeis".
Á beira da presentación deste informe sobre emprego e mocidade en Galiza que Traballo lle presentou este xoves ao Consello da Xunta, desde a consellaría aproveitaron para subliñar o fracaso do Plan Labora, medida estrela do anterior executivo presentada no seu momento co obxetivo de facilitarlle aos mozos sen experiencia laboral a adquisición desta a través de contratos con duración mínima dun ano.
O informe da consellaría de Traballo asegura que no período de vixencia dese plan "o paro da mocidade incrementouse un 10,8%, mentres que no resto do Estado ese incremento quedaba no 2,4%". Entre os defectos que lle achacan a aquel proxecto está a renuncia a vencellar as contratacións coa estabilidade e a resrticción da adquisición da experiencia a ocupacións vencelladas coas administracións públicas.
A urxencia de propoñer actuacións específicas para a promoción do emprego para a mocidade explícase segundo os datos da consellaría nunha taxa de emprego entre a mocidade do país que queda no 49.3%, seis puntos por baixo da media do Estado. A taxa de desemprego entre a mocidade sobe en Galiza deica o 21.4%, porcentaxe que no caso das mozas acada o 28%. Especialmente entre as mulleres, as paradas de longa duración chegan ao 31.4% do total.