A Mesa do Leite do mércores, a terceira convocada desde o cambio de Goberno, prolongou unha certeza: a actitude das industrias lácteas españolas, resultado de vinte anos de unilateralidade, non ten comparación en Europa. Como anunciaran tras a reunión da mañá na Interprofesional Láctea, o seu obxectivo é baixarlle o leite aos gandeiros porque "é necesario neste momento de mercado", según a Fenil. Os sindicatos, que falan dun "desafío" da industria, decidiron aprazar as mobilizacións ata coñecer os resultados das reunións entre Consellería e as lácteas, a partir da semana que vén.
A reunión do mércores da Mesa do Leite durou case catro horas. Un bo indicio, tendo en conta o que pasara pola mañá en Madrid, na xuntanza da Interprofesional Láctea. Alí, as centrais estatais -COAG, UPA e ASAJA- racharon o diálogo ante a actitude das industrias, ben encarnada nas declaracións da Federación Nacional de Industrias Lácteas, que representa o 95% do sector: "Hai que baixar os prezos para ser competitivos".
As industrias non se refiren aos prezos en punto de venda -os máis baixos da Europa leiteira, Este á parte-, senón aos prezos en orixe galegos, que tamén son os máis baixos de Europa e do Estado -0,29 euros/litro-. Tampouco se refiren á entrada de máis de dous millóns de toneladas de excedente lácteo francés, que vén a compensar -un ano máis- o défice productivo estatal.
Unha das novidades do mércores é que Suárez Canal conseguiu sentar cos sindicatos á práctica totalidade das industrias que operan en Galiza. E outra, que os sindicatos se comprometeron a agardar ao que saia do diálogo entre Medio Rural e as lácteas, a semana que vén.
Medio Rural
A intención de Suárez Canal nas reunións que manterá cos vicarios das industrias que operan en Galiza, según fontes próximas ao seu departamento, é conseguir uns mínimos históricos. Que as de capital galego -a cooperativa Feiraco e Leite Río, que envasan arredor do 25% do leite galego- se comprometan a manter os prezos até fin de campaña. "Sería un xeito de invocar aquilo da estratexia láctea galega", sinalan, "e tamén de publicitar estas marcas como marcas do país".
As reunións cos distribuidores, para tratar de regular as marxes de beneficio das grandes superficies comerciais, co retrouso do leite barato, están pendentes.
Sindicatos
Según fontes sindicais, o traballo de Suárez Canal non será fácil. Precisamente Leite Río e Lagasa foron onte das máis reticentes a manter os prezos até o 31 de marzo. A priori, o que pretenden as industrias é repartir unha baixada de 3 céntimos/litro entre os recibos de xaneiro, febreiro e marzo, cando o proceso lóxico é que os prezos en orixe suban en inverno e baixen na primavera. Sería a terceira vez consecutiva que unha baixada en inverno, sen razóns de mercado, antecede á baixada lóxica da primavera, que nunca falla.
"A actitude de diálogo da Consellería é moi positiva", sinalou Javier Iglesias, secretario de Gandeiría de Unións. "Pero estamos sorprendidos pola posición da industria, que é un desafío aos sindicatos e á propia Administración". Onte, o xerente da Interprofesional Láctea fixo de voceiro dos representantes das lácteas, que a penas abriron a boca.
Os sindicatos -no que desde a Consellería se interpreta como un xesto de "boa vontade"- agardarán polos resultados das negociacións que comezan a vindeira semana. De non prosperaren, Sindicato Labrego, Unións e XXAA consensuarán un calendario de mobilizacións conxuntas con "accións contundentes" contra a industria.
En palabras dun membro dunha das principais cooperativas galegas -que rexeitou identificarse-, "sequera os problemas do campo xa non parece que sexan de interlocución política".
Transparencia na factura
Medio Rural conseguiu que a industria -e os sindicatos, que a levan pedindo anos- se comprometese a estudiar a proposta de modelo de factura do leite que elaborou a administración galega. O modelo de Medio Rural inclúe a identificación do comprador e do produtor, o período de liquidación, os resultados analíticos, o período de liquidación, os resultados analíticos, a data de recollida e os datos referentes á formación do prezo e á cota. Un recibo máis claro.