Inicialmente tanto Al Fatah coma Hamás celebraron a súa victoria logo do peche das urnas este mércores. E malia a última sondaxe a pé de urna, que prognosticara que o reparto sería de 58 e 53 para cada unha destas formacións, novos datos viran o agoiro do trunfo cara a Hamás, que incluso podería ter superado o 50% do total dos votos, vencendo por maioría absoluta e sentando no Parlamento a máis de 70 dos seus candidatos. A última hora que chega desde Palestina trae as primeiras declaracións de membros de Al Fatah recoñecendo que os islamistas de Hamás poderían ser os vencedores destas eleccións. Deica a tarde deste xoves, arredor das 18h, hora galega, non se coñecerán os resultados.