A chamada taxa de rotación laboral reflicte que en Galiza a un traballador e nun ano fanlle unha media de até dous contratos. Segundo as cifras presentadas polo conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, iso supón que "hai traballadores que han de ter ata 13 ou 14 contratos ao cabo do ano". "Iso non pode ser", subliñou Varela ao tempo que anunciaba que o seu departamento investirá en 2006 un total de 54 millóns de euros en políticas de fomento do emprego e incremento da estabilidade.
O conselleiro lembrou que a taxa de temporalidade chegou en 2004 ao 35%, con máis de 280 mil asalariados, un terzo do total, con contrato temporal. Varela insistiu en que estas cifras recurtan a calidade de vida dos cidadáns e son parte da explicación, entre outros, das baixas taxas de natalidade. Na súa opinión o feito de que Galiza teñan con eses números unha das taxas de temporalidade máis altas do Estado "supón un problema social que impide o desenvolvemento da sociedade galega".
"Non pode ser que un rapaz de 23 anos teña acumulados no seu caixón e nun ano até 15 contratos, como sucede en casos que coñecemos", criticou o conselleiro. Así e ao tempo que comentaba o detalle dos datos deste "Informe sobre a contratación temporal en Galiza", elaborado polo Instituto Galego das Cualificacións da Dirección Xeral de Formación e Colocación, Ricardo Varela anunciaba que a consellaría que lidera vai incentivar a contratación indefinida "e a transformación de contratos temporais en indefinidos a través de plans sectorias de estabilidade nos que se establezan mecanismos para detectar o fraude na contratación temporal".
A consellaría de Traballo buscará que estas medidas cheguen do consenso a través do diálogo social "por medio dun acordo tripartito a nivel de administración, organizacións empresariais e sindicatos". Mentres se lanza ese proceso negociador, para este 2006 Traballo deseñou xa incentivos que beneficiarán as empresas con taxas de estabilidade entre o seu persoal que superen o 70% e que privilexien os colectivos con máis problemas de inserción.