Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS 'SUCESOS URBANÍSTICOS' DO VAL MIÑOR (I)

"Están mandando recados, e un día váiselles ir a man"

O 19 de novembro de 2005, a David Giráldez, voceiro do BNG en Nigrán, queimáronlle o coche. O 13 de xaneiro deste ano a cousa puido ser peor: a Domingos Solla, vocal nacionalista en Morgadáns (Gondomar), espertouno a fumeira cando o lume xa desgraciara os dous coches que tiña dentro da finca e a fachada exterior da casa; de momento xa marchou do pobo. A policía só ten claro que os incendios foron provocados. Para os portavoces nacionalistas, estes feitos proban que o pastel urbanístico que segue representando o Val Miñor deu en "mafia" por unha "permisividade institucional que coloca aos críticos no punto de mira". O alcalde de Gondomar, Carlos Silva (PP), fai distingos: "O do concelleiro de Nigrán é distinto, porque é unha mosca no rabo, pero non é o caso de Domingos, que leva só unha lexislatura. El non denunciara nada".

- 09:49 14/02/2006
Tags:

As denuncias ás que se refire Silva non son políticas, pero pasan polo xulgado. Neste punto Solla, que afirma ter recibido ameazas físicas do tipo "imos rebentarche a cara" desde 2003, é claro: "Ti podes denuncialo, pero mentres non suceda nada...".

A serra do Galiñeiro, entre as parroquias gondomareñas de Morgadáns, Chaín e Vincios, Chamáns (Vigo, frisando co campus) e Chenlo (Porriño), é unha das "reivindicacións históricas" do BNG para o Val Miñor, en palabras do responsábel comarcal, Henrique Viéitez.

No límite sur da serra está o Monte Aloia, parque natural desde 1978, repartido entre os concellos de Tui, Tomiño e O Rosal. A riqueza arqueolóxica e forestal da serra é evidente, como tamén o é que aos aserradoiros e ás canteiras que debullan bloque nela non lles acaería a declaración da serra como parque natural, prolongando a protección do Monte Aloia.

Antonio Araúxo, voceiro do BNG en Gondomar (9 concelleiros PP, 4 BNG, 4 PSOE), fala de "descontrol das canteiras e sobreexplotación do gando. Se falamos dos recheos ilegais, isto é barra libre". A serra do Galiñeiro arde todo o ano, e os danos nos asentamentos, mámoas e petroglifos non están inventariados.

O desembarco de testaferros no Val Miñor -hai 23 empresas adicadas á promoción e construción inmobiliaria rexistradas na Asociación de Empresarios- e as dimensións de Gondomar, o máis extenso e menos urbanizado dos concellos da comarca, fan del unha saída lóxica para desconxestionar Nigrán e Baiona.

Por unha traída de auga

En 2000, o intento de prolongar o parque natural de Monte Aloia comeza a tomar corpo. A Universidade de Vigo estaba interesada, e o PP chegou a secundar unha proposta do BNG nese sentido. O pedáneo da entidade local menor de Morgadáns (3 PP, 1 BNG, 1 PSOE), o 'popular' Marcelino Misa, nunca estivo conforme.

Con esta encomenda inicial comeza a vida política de Solla, despois das municipais de 2003. E aí, según di, comezaron as "ameazas persoais". Ao primeiro falou de canteiras sen licenzas de apertura, logo denunciou desterros en fincas rústicas sen permiso do Concello -con difusión mediática e éxito final- e, como última denuncia política até agora, unhas traídas onde cumpría facer a captación de augas. Neste último caso contou co voto do vocal do PSOE e a sorpresa dun dos tres vocais do PP, que votou a favor.

A traída de auga debeu ser a pinga que faltaba. A Solla queimáronlle dous coches e, co vento a favor, a fachada da casa. O pai e o avó do vocal do PP, Gustavo González, tamén rexistraron danos nas súas propiedades funxibeis: o palleiro e o invernadoiro, respectivamente. A familia de González non presentou denuncia.

Solla considera que o obxectivo destes atentados é "coller a un, a ver se asustamos ao resto. Pouco lles importa que arda alguén". O vocal nacionalista vive agora en Vigo.

Según Araúxo, "ao mellor son xente descerebrada e fácil de manipular, pero isto prodúcese porque hai unha certa cobertura política. A permisividade urbanística é tan enorme que unha resposta institucional pode ser "por nós non hai problema, pero ollo cos do Bloque, que igual te denuncian". Iso é poñernos no punto de mira, e claro, se saíu ben en Nigrán, ¿por qué non ía saír ben en Gondomar? No Val Miñor están mandando recados, e un día váiselles ir a man".

Henrique Viéitez engádelle, "á actuación política da nosa xente", o trafego político en San Caetano. "Co cambio de Goberno paralízanse planos xerais e os estudios de impacto ambiental son outra cousa", di.

Plans e planos

O alcalde de Gondomar, Carlos Silva, tardou tres días en chamar a Solla despois do suceso. O rexidor remarca que, no caso de apareceren os culpabeis, "nós mesmos nos persoaremos como acusación particular".

De momento, Silva confía no traballo policial e critica a actitude do BNG. "Esta persoa (por Solla) que sofreu este atentado repugnante non se caracterizara por nada. É delegado da CIG no Meixoeiro, pero non é o caso do concelleiro de Nigrán (por David Giráldez), que é unha mosca no rabo. É a súa primeira lexislatura, el non denunciara nada. De aí a dicir que nós lle damos cobertura política aos autores... Gondomar é un concello tranquilo, cunha calidade de vida que xa quixeran para si outros".

Silva remarca que "se alguén ten datos de algo, que os dea, pero con nomes e apelidos".

O PXOM de Gondomar, aprobado en 1997, está agora en fase de adaptación á Lei do Solo, según o alcalde. A oposición nacionalista contaba con el en Santiago, pero o certo é que desde Gondomar aínda non remitiron o documento para o informe previo á aprobación inicial, según Política Territorial.

A escuridade no desenvolvemento plenario do plano xeral de Gondomar non contribúe a esvaer dúbidas. O 30 de xaneiro, o Bloque denunciou a posíbel venda dunha parcela de 4.000 m2, propiedade do bispado, a carón da igrexa de San Benito. Aquela presunta "intención especuladora" da operación, que o BNG vencellou ao concelleiro do PP Miguel Jorge Álvarez, tivo a réplica oportuna do concelleiro de Urbanismo, Alejandro Gómez Garrido, que dixo que existía unha "proposta de urbanización" sobre a parcela, anque dixo "descoñecer" se se vendera ou non. A diócese Tui-Vigo alegou que Gómez Garrido solicitara a cesión de terreos para uso público na zona para "humanizar" o entorno da parroquia.

No vello PXOM de Gondomar, a área en cuestión aparece catalogada como de "baixa edificabilidade". O bispado pediu que esta se amplíe. O 13 de xaneiro, os relixiosos dixeron que os terreos non se venderán, senón que "se permutarán" por pisos para uso eclesiástico ou por outros terreos.

Para Antonio Araúxo, "unha cousa é que, como propietario, o bispado solicite que o novo PXOM mellore a catalogación dos seus terreos, e outra ben distinta que teñan preparado até o promotor".

Antes, o concelleiro de Urbanismo de Gondomar anunciara que o 9 de xaneiro habería reunión na corporación con membros do equipo redactor (da empresa Taula) para presentar un borrador do novo PXOM. "A nós non nos convidaron", di Araúxo.

"Mafia"

Un dos obxectivos declarados do alcalde de Gondomar é ampliar o censo, por debaixo dos 13.000 habitantes, até os 25.000 censados. Das 1.500 vivendas construídas en Gondomar nos últimos dous anos, según os cálculos do BNG, "só o 20% están ocupadas". Para os voceiros nacionalistas, afectados personalmente pola presión urbanística, "toda a historia está na ampliación esaxerada de Gondomar. E Gondomar non quere ser outra vila dormitorio de Vigo".

En palabras de Manuel Alejos, presidente da Asociación de Empresarios do Val Miñor e da Comunidade de Montes de Monteferro, encol da coita que afecta ao atentado de Nigrán: "O problema de Nigrán e Gondomar son os líos que se traen os partidos políticos".

O 11 de febreiro, o ex concelleiro do BNG Manuel Pereiro, membro da Comunidade de Montes, foi agredido por un propietario que estaba a realizar unha obra ilegal en Vincios.

As denuncias de Pereiro teñen servido para impedir desmontes ilegais en zona forestal. "Salveime porque soou o meu teléfono móbil", dixo. Membros da executiva nacional do BNG xa reclamaron a Interior que bote luz sobre "a trama de especuladores que se agocha tras as agresións". O popular Carlos Silva aproveitou para aclarar que a obra "carece de licenza", e que se dispoñía a decretar a súa "inmediata paralización".

Os afectados polos "líos" de Gondomar falan de mafia urbanística. "O alcalde queixouse", di Araúxo, "pero o concepto está ben escollido. A mafia actúa e non é visíbel".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: