Os máis recentes agoiros para as eleccións lexislativas palestinas deste mércores apuntan a un 39,6% do voto para Al Fatah e un 28,8% para Hamás, nuns comicios aos que acode unha ducia de partidos e que teñen en terceiro lugar nas preferencias ao Partido Palestina Independente, cun 7,7% no prognóstico de apoio. Desde Al Fatah, co poder actualmente na Autoridade Nacional Palestina, xa se amosaron dispostos a conformar un goberno de coalición logo da votación.
O presidente palestino, Abú Mazen, dixo estar seguro de que Hamás pode moderar o seu discurso unha vez que a formación reafirme unha ampla porcentaxe de apoio popular nas urnas e sexa convidada a integrarse no sitema político. Nese sentido xustificou a súa decisión de non impedir de ningún xeito que puidesen participar con normalidade nestas eleccións.
Pola contra, desde os EEUU subliñan que non van recoñecer a un goberno palestino que integre a membros do grupo Hamás, ao que cualifican de "terrorista". A prensa israelí faise eco estes días da presión do goberno de Ehud Olmert para que a comunidade internacional se posicione contra Hamás, xa incluída na lista de colectivos terroristas dos EEUU e a UE.
Así e todo, desde Hamás chegan nos últimos tempos cara unha viraxe na súa estratexia, e mesmo o seu líder en Hebrón, Salem Mustafá Dwaik, que agarda gañar por maioría nesta cidade, pronunciouse a prol dun goberno conxunto á beira de Al Fatah, e non descartou que o seu partido poida incorporarse ás negociacións con Israel para relanzar o proceso de paz, malia que o actual primeiro ministro israelí anunciou que non dialogará coa ANP se Hamás forma parte do goberno.
Mentres, desde a Ihad Islámica, despois de asumiren a autoría do ataque suicida da pasada semana en Tel Aviv, fixeron público un comunicado onde lle piden aos cidadáns que non voten nas elecións, ao tempo que chaman a seguir a loita armada.