A Fundación 10 de marzo, onde se integran EU-IU e CCOO, esixe ao Goberno galego que cumpra unha das súas promesas electorais máis históricas: elaborar un censo identitario con todas as persoas represaliadas polo franquismo. Lembran que "só en Galiza" non existe aínda este documento.
"Hai que recuperar a memoria histórica para transformar a realidade actual", sinalou Yolanda Díaz, coordinadora de EU-IU, presente este luns no acto da Fundación 10 de marzo, de CCOO e IU. O presidente da Fundación, Víctor Santidrián, que se encarga de elaborar un arquivo histórico ao respecto, instou ao Goberno galego a cumprir a súa promesa electoral de elaborar un rexistro de represaliados pola ditadura.
Este 2006, coincidente co 25 aniversario do Estatuto de Galiza e o 75 cumpreanos da República, é tamén o ano da memoria reparadora coas vítimas do franquismo, e con esa interpretación da historia contemporánea do Estado español que aínda abanea bandeiras políticas.
O martes, o Foro pola Memoria dará a coñecer as actividades propostas para este ano conmemorativo.
Díaz sinalou que as inquedanzas da memoria histórica xa lle foron transmitidas ao conselleiro de Presidencia, Méndez Romeu. "Transmitímoslle a necesidade de que a historia se conte tal como foi", dixo.