Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS PARTIDOS ANALIZAN COMO INFLUIRÁ O ESTATUT CATALÁN NO PROCESO

Quintana e Feijoo cítanse o martes para falar da reforma estatutaria e o Consello Consultivo anuncia o seu informe para a semana

Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta e líder do BNG, e o presidente dos populares galegos, Alberte Núñez Feijoo, acordaron reunirse este mesmo martes para falar do camiño cara á reforma do Estatuto galego. Quintana chamou a "ser ambiciosos" neste proceso. Ao respecto do proxecto catalán, desde o PPdeG din temer "que este modelo de financiamento lle poida ser imposto a todas as comunidades autónomas". Por outro lado, Europa Press avanza que o Consello Consultivo terá listo a próxima semana o informe sobre a reforma estatutaria solicitado polo bipartito. Lembrámoslles que o presidente da Xunta vén de subliñar que logo desta apertura formal do proceso agarda que o texto consensuado se lle poida enviar ao Congreso antes da fin de 2006. Mentres, en Cataluña Artur Mas reta a ERC a retirarlle o seu apoio ao novo Estatut e promover unhas eleccións anticipadas se non é capaz de mellorar o acordo acadado por CiU co goberno español.

- 13:37 23/01/2006
Tags:

"O novo Estatuto ten que responder ás necesidades de Galiza", subliñou Emilio Pérez Touriño este luns. O presidente da Xunta asegurou que non impulsará "mimetismos nin copias" respecto da reforma estatutaria catalá.

Touriño asegurara na fin de semana en entrevista na Cadena Ser sobre o acordo para o Estatut catalán que "supón un gran paso para a España autonómica, para Cataluña, para Galiza e para todas as comunidades porque representa unha aposta a favor de máis autogoberno para as comunidades, máis autonomía financeira e de recoñecemento máis pleno da identidade nacional". O presidente galego afirmou que "esa é unha reivindicación tamén dende Galiza" e dixo estar seguro de que "beneficiará o avance das demais reformas estatutarias pendentes".

Xuntanza BNG-PPdeG este martes
"Ser ambiciosos sempre trae bos resultados", subliñou o vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG. Anxo Quintana avanzou que na conversa que este martes terá o líder dos populares galegos lle explicitará as claves imprescindíbeis e que para o Bloque debe incorporar o novo estatuto galego e que inclúen o recoñecemento de Galiza como nación, a negociación e blindaxe das competencias propias de Galiza, a revisión do modelo de financiamento cara ao acordo dun novo marco baseado na autonomía fiscal e a negociación co goberno español para a garantía do pagamento da débeda histórica. Quintana puntualizou ademais que o BNG non vai poñer condicións previas para a negociación entre os partidos galegos.

O vicepresidente pediu poñer distancia co debate do Estatut catalán e "quitarnos o complexo de dicirmos que o que fan os demais é mellor". Nesa liña animou a populares e socialistas a esqueceren o debate que catalán e madrileño para "buscar un camiño e un modelo propio para Galiza". O voceiro nacional do BNG propuxo "unha relación de bilateralidade co Estado español" e un novo marco fianancieiro que evite "andar pedindo caridade todos os días". Contra a idea de "pedir o mesmo que Cataluña", Quintana chamou a "termos os instrumentos de financiamento que precisamos". "Galiza sempre pode aspirar a recibir máis que Cataluña", asegurou.

O PPdeG pide "non renunciar a nada"
Desde o PPdeG veñen de lembrar que o último executivo de Manuel Fraga lle pedira ao goberno español o traspaso de trinta competencias "que lle foron negadas e supoñían un incremento na cota de autogoberno para Galiza". Os populares láianse de logo desa negativa do goberno Zapatero "agora estas competencias se lle conceden a Cataluña". Diante do proxecto catalán, os populares veñen de comunicar que "Galiza non renuncia a nada no que se refire a conseguir máis autogoberno e competencias".

Na primeira declaración dos populares galegos ao respecto do anuncio de acordo entre o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, e o líder de CiU, Artur Mas, o PPdeG emitiu un comunicado onde subliña que seguirán a pedir "maiores cotas de autogoberno que non supoñan déficit financeiro ao noso país" e denunciarán "calquera acordo que reduza o finanzamento de Galicia e que supoña un recorte de recursos económicos". Os populares din temer "que este modelo de financiamento lle poida ser imposto a todas as comunidades autónomas sen que Galiza estivera presente nas conversas".

Lembrámoslles que os populares xa explicitaran a súa vontade de fixar o límite das súas arelas para o novo estatuto galego no sentido en que o fixo a chamada cláusula Camps, establecida na reforma do estatuto valenciano como garante de reformas posteriores para acadar os niveis competenciais extra que tivesen conseguido outras comunidades.

O financiamento é clave
"Conseguimos en boa medida un cambio do actual sistema de financiamento", destacou esta fin de semana Artur Mas sobre o pacto pechado co goberno Zapatero. O propio voceiro socialista no Congreso, Alfredo Pérez Rubalcaba, recoñecía que se trata dun cambio que "pretende ser novo modelo en todo o Estado".

O líder de CiU destacou o acordo para a creación dun corsorcio que abre camiño para a consecución da Axencia Tributaria Catalá e detallou que o Estado vaille ceder a Cataluña o 50% do IRPF e o 50% do IVE. Ademais, Cataluña recadará tamén o 58% das taxas especiais sobre os combustíbeis e sobre o tabaco e o alcol. Alén disto, o acordo posibilita a revisión cada cinco anos deste modelo a través de acordos bilaterais.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: