Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SUBLIÑAN QUE O ASOMO DE ACORDO EN CATALUÑA FACILITARÁ O PROCESO EN GALIZA

Touriño e Quintana gaban a disposición de Feijoo ao diálogo estatutario e iniciarán contactos esta semana

"Galiza terá que ensaiar o seu propio camiño", afirmou este domingo o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para os micrófonos da Cadena Ser. Touriño recoñeceu que o avance das conversas para a aprobación do estatuto catalán facilitará o proceso de reforma en Galiza e sobre a oferta de diálogo do novo líder do PPdeG asegurou que este mesmo luns se vai poñer en contacto con Alberte Núñez Feijoo para fixar un encontro ao respecto. Sobre o mesmo asunto, o vicepresidente Anxo Quintana gababa que os populares "acepten á fin a oferta de diálogo", insistía en que "Galiza xa perdeu moito tempo" e chamaba a iniciar esta semana as conversas.

- 07:30 23/01/2006
Tags:

O líder do PPdeG vén de afirmar ao fío da reforma estatutaria en Cataluña que "o problema non é a palabra nación, senón os cartos". En entrevista concedida á axencia Europa Press, Alberte Núñez Feijoo referiuse moi criticamente ás posíbeis concesións en materia de financiamento que o goberno español podería facerlle aos cataláns para a continuación subliñar que en todo caso o PPdeG "tratará de acadar para o Estatuto de Galiza un marco competencial coma o de Cataluña". Así e todo, opinou que "sería un fracaso facer unha copia". Neste sentido Feijoo criticou que "a postura de Touriño on existe e será a que saia do Estatuto catalán". En todo caso, subliñou o seu desexo de "chegar a unha reforma pactada co PSdeG" engadindo que "sería bo que a ese acordo se sumase o BNG".

Ao respecto, o presidente da Xunta respondíalle nos micrófonos da Cadena Ser que o mesmo día que Feijoo fora escollido novo presidente do PPdeG xa lle trasladara a súa oferta para unha xuntanza inmediata e subliñou que "o diálogo non pode facerse cunha mentalidade partidaria, senón distinguindo ben a necesidade de buscarmos acordos de país". Touriño, que dixo estar seguro de que será máis doado chegar a acordos cun PP liderado por Feijoo fronte ao anterior con Manuel Fraga, comentou que o proceso de reforma estatutaria vaise iniciar formalmente o próximo mes de febreiro e asegurou que os partidos poderían acadar un consenso para esta reforma en 2006 podendo enviarlle proposta ao Congreso "antes de que remate o ano".

Sobre o mesmo asunto, o vicepresidente da Xunta afirmou que "Galiza xa perdeu tempo abondo" e lembrou que o BNG vén solicitando dar pasos para o diálogo desde longo tempo atrás malia que o PPdeG "se dese conta agora da necesidade de iniciar o proceso". Anxo Quintana dixo agardar que o ofrecemento dos populares non sexa "un brinde ao sol e sirva para iniciar un debate en serio sobre o papel que Galiza debe xogar no debate que se abriu no Estado".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: