Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROPOSTA DO BNG NA CÁMARA GALEGA

Piden recuperar a unanimidade parlamentaria para negociar a revisión do Fondo de Compensación Interterritorial

Malia que a evolución dos números da economía galega cara á converxencia viñeron amosando un crecemento por baixo da media, Galiza perdeu cota no Fondo de Compensación Interterritorial. A voceira de Economía do BNG no Parlamento, María Xesús Vega Buxán, presentou unha proposta do seu grupo para instarlle á Xunta a negociar co goberno español para un redeseño que corrixa desequilibrios e compense a Galiza. Contámoslles tamén que Francisco Rodríguez, deputado do BNG no Congreso, criticou este venres que o financiamento autonómico actual "crea a ficción de que somos un país subvencionado malia que o Estado recada máis en Galiza do que logo lle transfire".

- 13:11 20/01/2006
Tags:

Na altura de 1983, o Fondo de Compensación Interterritorial, FCI, sumaba o 0.80% do PIB estatal. En 2002, esa cantidade era de apenas o 0.13%. Nese mesmo ano e de ir medrando ao mesmo nivel que o fixo o Produto Interior Bruto, este fondo debera acadar cando menos 5.781 millóns de euros. Pola contra, a súa dotación quedou nos 894 millóns. Cinguíndonos á facenda galega, se na altura de 1993 o ingreso do FCI representaba o 20% do fondo total, oito anos máis tarde minguara ao 14%.

Ao respecto desa evolución a deputada do BNG María Xesús Vega Buxán destacou este venres que O FCI fora previsto na Constitución e na Lei Órganica de Financiamento das Comunidades Autónomas para corrixir os desequilibrios existentes no Estado e paradoxalmente "veu perdendo peso malia que o desequilibrios seguen existindo". A voceira de Economía do Bloque destacou que a situación é especialmente urxente de revisar para Galiza á vista do escenario orzamentario que chega, dun lado, co recurte de eurofondos que supoñen as novas políticas de cohesión europeas da ampliación. Doutra beira, a deputada lembrou os obstáculos ao endebedamento para finaciarmos investimentos que implican as leis de estabilidade orzamentaria, que zouparán tamén nas contas galegas.

"Até agora o FCI non funcionou", critica María Xesús Vega ao tempo que subliña que "faise evidente que compre definir un novo marco para o funcionamento do Fondo que potencie o papel que a Constitución lle asignou". Vega apuntou que en cifras concretas, o fondo só chega a unha quinta parte da cantidade que debería e lembrou que PPdeG, PSdeG e BNG téñense amosado a prol de consensuar a súa reforma. Unha moción da anterior lexislatura, aceptada daquela polos tres grupos, animara xa a fixar "unha posición galega" para a reformulación do FCI.

Rodríguez pide unha Axencia Tributaria Galega
"Para que haxa autogoberno ten que haber autonomía financeira", subliñou Francisco Rodríguez, deputado do BNG no Congreso, na entrevista que este venres recolle a propia web da formación.

Rodríguez destacou que os números da recadación fiscal do Estado español en Galiza en 2003 chegan aos 7.600 millóns de euros, "mentres que as transferencias que fai o Estado para os gastos básicos da Xunta de Galiza son 5.600 millóns de euros". Á luz deses números, Rodríguez dixo que "non temos que terlle medo ningún á autonomía financieira".
O deputado nacionalista insistiu especialmente en que co actual modelo, que cualificou de "disparatado", a Axencia Tributaria recada en Madrid "o 49% do total estatal", e lembrou que aló cotizan impostos "sociedades que non operan alí", polo que se Galiza recadase "proporcionalmente todo o que nos corresponde das grandes empresas que operan en Galiza pero teñen a súa sede fiscal en Galiza, o balanzo aínda sería máis favorável para nós".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: