Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UUAA ANUNCIA "ACCIÓNS CONTUNDENTES" SE BAIXAN OS PREZOS DO LEITE ENTREGADO EN XANEIRO

Medio Rural confía en que as industrias non baixarán o prezo do leite

Medio Rural convocou a Mesa do Leite -foro de diálogo intersectorial descoñecido na anterior lexislatura- para o 25 de xaneiro. A intención da Consellaría é xuntar a produtores e industria para analizar o desfase das marxes de beneficio e outros problemas estruturais do sector. Asemade, contan con poder establecer diálogos bilaterais cos principais distribuidores. Mentres, UUAA anunciou "accións contundentes" contra a industria láctea se se cumpren as súas previsións dunha baixada "de dúas pesetas" no leite que entregaron os gandeiros en xaneiro.

- 18:38 19/01/2006
Tags:

Os gandeiros galegos recibirán nos próximos días o recibo do leite que entregaron en decembro. Anque algunhas industrias adoitan pagar nada máis comezado o mes, moitas delas aínda o están facendo agora. "Hai un pacto para non tocar o leite entregado en decembro", di o responsábel de Gandeiría de Unións Agrarias, Javier Iglesias.

O problema para o sindicato é o "anuncio da Federación Nacional de Industrias Lácteas -publicado na súa revista Coyuntura- de que as liquidacións de febreiro (polo leite entregado en xaneiro) rexistrarán unha baixada de até dúas pesetas". Para o sindicato, as industrias lácteas actúan "coma se se estivesen rindo na cara do Goberno galego".

Desde a Consellaría lembraron os resultados das recentes negociacións coa industrias, que non baixaron os prezos dos recibos de xaneiro. Medio Rural confía en que os prezos do leite en orixe non baixarán en febreiro, "no que atinxe ás industrias que operan en Galiza".

Os gandeiros galegos -máis da metade do total estatal- non reciben máis de 0,29 euros por cada litro de leite que producen. Según datos de Unións, a subvención/litro dos produtores do país tamén se reduce comparativamente. Polos 0,009 euros/litro que lle corresponden a un gandeiro galego, a axuda francesa é de 0,07; e a dos alemáns, 0,086.

O SLG, pola súa banda, alertou de que, no actual contexto de suba dos custos de produccións, unha nova baixada do prezo en orixe sería "o remate definitivo do sector".

As contradiccións do sector lácteo, a nivel de Estado, son as mesmas de sempre: a demanda supera a oferta, pero aínda hai que importar 2 millóns de toneladas para asegurar un consumo de 8.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: