Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A ENCRUCILLADA VASCA

Ramón Zallo: "A esquerda abertzale debe ter o seu Suresnes"

Zallo, avogado, economista e catedrático de Comunicación Audiovisual, agora mesmo asesor cultural do Goberno vasco, é autor dunha frondosa obra nas marxes disciplinares da economía e as industrias culturais. Responsábel tamén de numerosas análises sobre política vasca, considera que a ilegalización de Batasuna durante dous anos máis "é un desafío a unha cidadanía democrática". "Os trucos xudiciais en Euscadi non agochan a realidade", di. Canto á asemblea do sábado, sinala que "o normal é que se celebre noutro sitio e a convoquen outros, o mesmo día ou cunha semana de retraso". Zallo engadiríalle xa, ás reformas previstas na Constitución, as dos artigos 2 e 8, nos que se establece a indisoluble unidade da Nación española e o papel do exército na defensa da súa soberanía e integridade territorial. As vellas garantías dunha transición pacífica en 1978, invocadas agora polo Partido Popular.

- 17:29 19/01/2006
Tags:

Vieiros: Grande-Marlaska instou ás forzas da orde a evitar a asemblea de Batasuna "con todos os medios ao seu alcance". Que pode pasar?

Ramón Zallo
: O normal é que a asemblea se celebre noutro sitio e a convoquen outros. O sitio poderíanllo facilitar outros partidos, ou mesmo asociacións universitarias. En Baracaldo non se poderá celebrar; o normal é que eles mesmos desistan.

Que fará o Goberno vasco ante as chamadas "á responsabilidade política" de Batasuna?
O Goberno vasco xa criticou a actuación da Audiencia, pois é un tribunal de intervención política que sempre actúa nunha dirección. É a dereita española a que utiliza a Audiencia coma un tribunal excepcional. Falamos dunha herencia do vello Tribunal de Orden Público, algo que non cabe nun Estado de Dereito.

Segue Marlaska o camiño das medallas e os macroxuízos mediáticos?
Como Del Olmo co Egunkaria ou Garzón, cos seus sumarios collidos con alfinetes... este é un desafío a unha cidadanía democrática, inconcebíbel no século XXI. Haberá que recorrer ao axioma clásico das xuntas xerais vascas nas súas relacións coa coroa española: acato pero non cumpro. O abuso de poder por parte dos xuíces ten que ser contestado. E ademais, é que non se entende ben: se Batasuna é unha organización ilegalizada, está ilegalizada, pero non se lle poden pór portas ao campo. Pódense utilizar trucos xudiciais en Euscadi, pero os trucos xudiciais non agochan a realidade.

Tería sido posíbel o "proceso de paz" en Irlanda do Norte se Major chega a prohibir as reunións do Sinn Feinn?
O certo é que a tradición democrática británica non admite comparanza coa española; aquí é moito máis advenediza, e o seu texto fundamental emprégase como obstáculo para o desenvolvemento democrático. Eu pregúntome se non chegaría xa o momento de engadirlle, ademais das catro reformas da Constitución, as reformas dos artigos 2 e 8. E pregúntome se as esquerdas en xeral e os nacionalismos democráticos de Euscadi, Cataluña e Galiza non se deberían plantexar unha iniciativa semellante. Recollendo sinaturas, por exemplo.

No actual contexto xurídico, político e policial, por onde pasa a solución dialogada ao conflito vasco-español?
A consecuencia do 11-M, nese sentido, é que se desactivou o terrorismo de masas. Se se volvese a el, a esquerda abertzale racharía. O que non quere dicir que, nunha época ulterior, os xoves ultranacionalistas da kale borroka, pouco politizados, por certo, non puidesen darlle pulo. Sería unha vía efémera, anque dolorosa para a poboación. Hai dous ámbitos paralelos: a paz e as pegadas da violencia, con ETA e o Goberno, e o Goberno español e as vítimas; e a cuestión interna, con metodoloxías e calendarios que deberían pactar os partidos vascos.

En Euscadi dise, medio en broma, que a metonimia é unha categoría xurídica, pois "ser independentista e falar en vasco, é dicir, parecer un activista violento, pode constituír delicto"
O pacto PP-PSOE para identificar vasco e nacionalista con presunto sospeitoso de... é o Estado de Dereito ao revés.

Se o gudarismo sen armas que vimos no ano da tregua de ETA acaba por impoñerse, tamén levaría por diante o discurso violento, cada vez menos arraizado na esquerda abertzale...
Eu creo que a corrente política que menos progresou nos últimos trinta anos foi a esquerda abertzale e a súa expresión terrorista. Isto evitou a redefinición das súas liñas de pensamento e de traballo... e por iso a esquerda abertzale debe ter o seu Suresnes particular. Aí poden aparecer algunhas correntes vencelladas a un nacionalismo autoritario, pero moitas outras quererán construír unha esquerda vasquista.

Até qué punto lle interesa ao PNV o retorno político dos 200.000 votantes de Batasuna?
Ao PNV interésalle. E interésalle porque sería interesante unha esquerda abertzale forte, antidogmática e facendo política. Eles mesmos saben que terán que cambiar de liña política, pois o país cambiou moito, e xa non quere vivir inserido en marcos retóricos xeneralistas.

Cre vostede que España "segue sen entendernos", como dicía o lehendakari Aguirre cando lle pedían explicacións polo fracaso republicano no Frente Norte?
O de Aguirre segue sendo actual, e até se podería dicir algo máis: non queren entendernos porque iso significaría ter que cambiar a comprensión de si mesmos. Agora, os que desde o propio franquismo prexudicaron a democracia, aínda pasan factura.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: