Ana Vallés, Paula Carballeira, Miquel Insua e a norteamericana Ellen Lauren dirixirán as vindeiras produccións do Centro Dramático Galego, que este sábado presentou a súa nova etapa con Ánxeles Cuña á fronte. A dramaturga ourensá propuxo no acto de presentación un cambio "radical, de raíz" para o centro, que entre as súas actividades para o 2006 propón varios cursos de teatro, así como ciclos dedicados á memoria histórica, a Valle-Inclán e a culturas afíns como a lusófona, a irlandesa ou a latinoamericana.
O Centro Dramático Galego presentou este sábado no Salón Teatro a programación deste ano 2006 no que se abre unha nova etapa para a compañía pública. Ao acto asistiu a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e os directores das tres primeiras obras, así como unha ampla representación da escena galega.
A nova directora do CDG, Ánxeles Cuña, deu a coñecer os vindeiros espectáculos, que serán ‘Illa Reunión’, de Ana Vallés; ‘A cabana de Baba-Iagá’, unha obra para nenos dirixida por Paula Carballeira; e ‘Medos’, unha adaptación da obra de Steven Berkoff dirixida por Miquel Insua. Para comezos de 2007, a estadounidense Ellen Lauren estreará ‘Espectáculo sobre textos de Eurípides’.
Cuña Bóveda tamén das outras actividades que vai realizar o CDG neste ano que acaba de principiar. Ademais dunha campaña de sensibilización dirixida á cidadanía, terá lugar o ciclo sobre teatro de mulleres ‘Mes Violeta’ para o mes de marzo, un Laboratorio Permanente de Dramaturxia, a Feira do Teatro de Galicia, os ciclos Fagamos Memoria e sobre Valle-Inclán; ademais de varios cursos de dramaturxia, interpretación, dirección, novas tecnoloxías do espectáculo e xestión cultural.
Celebrarase tamén o ‘I Encontro Internacional Modelos de creación, produción, difusión e xestión’, e exhibiranse ciclos de teatro lusófono e iberoamericano.