"O que negue a Galiza que fixo o PPdeG está faltando á verdade", dixo o líder saínte do PPdeG na súa intervención neste congreso. "Somos a maioría natural de Galiza", subliñou un Fraga que iniciou a súa intervención coa cita "todo se vai, todo cae, todo remata", e finalizou confirmando que marchará a Madrid para ocupar asento no Senado e agradecéndolle o xesto a Corina Porro, que pouco antes anunciara a súa renuncia ao escano. Fraga dixo ter "grandes esperanzas no equipo de Núñez Feijoo" e marchou advertindo contra "toda tentación de división".
"Pídovos que esquezades os meus erros", pediulles Manuel Fraga aos populares, "fixen todo o que puiden, intentar intentouse sempre e douvos as gracias pola vosa lealdade e disciplina". "Neste momento Galiza pode apostar por si mesma e por unha España que corre riscos importantes", opinou no seu discurso de despedida.
"Veño hoxe a despedirme", subliñou nun discurso no que asegurou ter "esperanza nesta necesaria renovaciòn do partido na continuidade". "Son máis de 55 anos de traballo permanente ao servizo da nación española e da nosa Galiza", insistiu un Fraga que fixo repaso dos sucesivos cargos administrativos que asumiu ao longo da súa vida e lembrou o momento en que "logo dunha traición ao amigo Xerardo Fernández Albor" decidiu que "tiña que vir a Galiza a completar medio século de servizo público".