"A sociedade galega de 1989 non é a de 2005", comentou Alberte Núñez Feijoo logo de presentarlle na mañá deste venres a Manuel Fraga a súa proposta para a nova secretaría xeral do partido, Afonso Rueda, e de anunciar formalmente a súa propia candidatura para a presidencia do partido, subliñando que acudirá ao congreso desta fin de semana con 1.778 avais. Feijoo gabou que o líder saínte "non cambiou ningún nome da lista que lle dei nin suxeriu outras posibeis incorporacións". Os dous homes que máis soaran para a secretaría xeral nos últimos días, Carlos Negreira e Chema Figueroa, serán dous dos cinco novos vicesecretarios do partido.
"Non nomeei a un amigo porque penso que en política iso non é o máis axeitado", subliñou Alberte Núñez Feijoo ao tempo que presentaba formalmente a Afonso Rueda coma o seu candidato para a secretaría xeral do partido. Feijoo explicou que nesa tarefa quixo evitar pensar en persoas e debuxar con exactitude o perfil que considera que "o partido necesitaba".
Nesa liña destacou do currículo de Rueda "o seu nivel de formación", de cara a facilitar "a súa interlocución co resto de partidos, coa sociedade galega e co propio partido", ademais da súa formación "en dereito e xestión da cousa pública, con traxectoria anterior en cargos de responsabilidade". Coma segundo requerimento asegurou que Rueda cumpre co deber de "coñecer o partido e querelo e ter militado nel desde os 24 anos". En terceiro lugar subliñou a necesidade da adicación exclusiva do candidato "nesta etapa onde aínda gañando as eleccións non gobernamos e precisamos dun esforzo de comunicación importante cara á sociedade, ademais de traballar pola unidade do partido".
Cambio xeracional
"Eu dixen desde o principio que quería manter ideas e principios, baseados na tolerancia e nun partido reformista e galeguista. Mantemos o programa, pero imos interpretar esas liñas con persoas e caras novas", afirmou Alberte Núñez Feijoo, ao tempo que explicaba que "a sociedade galega cambiou moito estes anos, e fáltanos seguir acomodándonos a estes cambios, pero ningún partido axudou tanto neste tempo a esa evolución e modernización como o fixo o noso".
Feijoo afirmou que a propia intención de nomear a Rueda para o posto, así como a escolla para outros cargos de responsabilidade, está guiada tamén pola "necesidade dun cambio xeracional no partido". Nese sentido comentou tamén a media de idade de 39 anos dos que serán novos vicesecretarios do partido, encargados de "levar en primeiro plano as rendas do partido". Para ese posto escolleu a Carlos Negreira, probábel candidato do partido á alcaldía da Coruña; Chema Figueroa, tenente de alcalde do Concello de Vigo; Diego Calvo, actual presidente de Novas Xeneracións de Galiza; Susana López Abella, deputada luguesa, e Rosendo Fernández ex subdelegado do goberno en Ourense.
Entre as emendas que promoverá neste congreso, Feijoo incluirá a de que os alcaldes populares das cidades, ou no seu caso os voceiros municipais, estean sempre no comité executivo do PPdeG, xunto aos responsabeis do partido nas catro deputacións provinciais. Insistiu nese punto en que a representatividade dos líderes dos populares no contorno urbano debe estar reflectida a nivel interno nos órganos da formación.
Pola súa banda, Afonso Rueda Valenzuela agradeceulle publicamente a Alberte Núñez Feijoo a súa aposta por el e asegurou ter "pleno convencemento do que teño que facer e dos valores que quere transmitir Alberte" e dixo ser "consciente de que só son unha pequena representación da xente que apostou pola nova opción que agora comeza".
Palmou presenta un congreso que quere dar imaxe de partido "unido e renovado"
"Xuntos por Galiza" é o lema escollido polo PPdeG para este XIII congreso que o actual secretario xeral do partido, Xesús Palmou, cualificou de "aberto, democrático e limpo" onde os populares aspiran a dar imaxe de partido "unido, forte e renovado". Palmou opinou que o goberno da Xunta "amosa falta de iniciativa e proxección para a nosa terra" e insistiu en que o PPdeG quere escenificar nesta cita congresual "a necesidade dunha alternativa clara en Galiza" e a condición do partido como "único garante de ofrecer un goberno estábel e unido".
O congreso do PPdeG comezará este sábado co debate das ponencias e das 124 emendas presentadas a éstas. A ponencia referida aos estatutos do partido acumula o maior número de propostas, 57, entre elas a xa avanzada respecto á creación da figura do vicepresidente, posto no que Feijoo pactou poñer ao seu principal rival no proceso sucesorio, Xosé Manuel Barreiro. Á beira, o documento sobre "Solidariedade Interterritorial" asinado por Carlos Negreira recibiu 30 emendas e o coordinado por Pedro Puy Fraga sobre a reforma estatutaria afrontará o debate de 25 emendas. Por último, a ponencia "Pleno emprego, reto acadábel", de Belen Prado, recolleu unha ducia de propostas de emenda.