Con apenas un 0,18% de ganancia sobre o modelo actual, Galiza aparece coma unha das comunidades que menos incrementaría os seus ingresos de aplicárense as reformas financeiras que pretendería o ministerio de Economía. Unha proxección presentada este xoves pola consellaría andaluza de Economía sitúa á propia Andalucía e a Madrid como as máis beneficiadas no volume total e a Valencia e Murcia como as que porcentualmente máis incrementarían os seus ingresos.
O goberno español confirmou esta semana que o proxecto co que traballa é similar ao que o presidente da Junta de Andalucía, Manuel Chaves, presentou este luns, e que se basaría no incremento da capacidade recadatoria dos gobernos autonómicos permitíndolles un maior acceso a taxas especiais, coma son as de acohol e tabaco. Ao tempo cederíaselles aos executivos autonómicos do 33 ao 50% do Imposto da Renda sobre as Persoas Físicas.
Ese modelo de financiamento, e segundo a avaliación do propio goberno andaluz, tén a esa comunidade coma unha das máis beneficiadas, cunha ganancia de case 180 millóns de euros, a primeira da lista en canto a volume total, e porcentualmente tén a Murcia á cabeza, cun 1,85% máis de ingresos. No outro extremo da lista aparece Castela e León coma pechacancelas, e no penúltimo posto está a nosa comunidade. Galiza, que co sistema actual e con datos de 2003 ingresou 5.098 millóns de euros, vería incrementada esa cifra deica os 5.108 millóns. Os pouco máis de nove millóns de euros extra, supoñen un 0,18% de incremento, moi lonxe do 1,01% da media estatal. Cataluña, con quen o goberno negocia ao fío do Estatut, subiría os seus ingresos nun 0,88%, un total de 88,9 millóns.