Avogado de formación e actual secretario municipal do Concello de Cambados, Afonso Rueda de Valenzuela foi o escollido por Alberto Núñez Feijoo para relevar a Xosé Palmou na secretaría xeral do partido en Galiza. Rueda xa fora xefe de gabinete de Palmou na consellaría de Interior e asumira máis tarde a dirección xeral de Administración Local.
O seu currículo no PPdeG inclúe o acceso ás listas da formación durante as eleccións xerais de 2000, no sétimo lugar e atrás de Mariano Rajoy e Ana Pastor. Un ano máis tarde tivera encargo para o deseño da ponencia de política municipal do congreso do partido.
Rueda coñece xa que logo en profundidade o funcionamento interno do partido e tén amplo coñecemento dos resortes da administración, condicións que Feijoo buscaba para o candidato a este posto, que debera asumir en exclusividade. O seu perfil chegado do segundo plano facilitaría tamén o deseño dun novo ámbito competencial no PPdeG que deberá darlle novo papel protagonista por riba do propio Rueda a Xosé Manuel Barreiro, para quen se creou o novo cargo de vicepresidente do partido.
E ao tempo que lles lembramos que Rueda soara no seu momento coma potencial candidato popular para a alcaldía de Pontevedra, protagonismo que finalmente volverá recaer en Teresa Pedrosa, próxima a Feijoo durante o proceso sucesorio, esta decisión reforza a convicción de que o que aparecía as últimas semanas coma probábel candidato á secretaría, Carlos Negreira, será candidato en 2007 pola Coruña. Ao respecto meteu baza este xoves Fernando Rodríguez Corcoba, quen en declaracións a Europa Press subliñou o seu interés por repetir candidatura á fronte do PPdeG nesa cita coas urnas.