"Por espazo de máis de tres anos a maioría dos interrogatorios que me fixeron estaban centrados en conseguir que declarase que existía unha relación entre Al Iasira e Al Qaeda". A testemuña de Sami al Hajj, xornalista sudanés da canle árabe Al Iasira é unha das novas achegas das campañas de denuncia contra o cárcere dos EEUU en Guantánamo catro anos despois da chegada dos primeiros presos. Amnistía Internacional lembra que un elevado número de persoas seguen aló "nun buraco xurídico, un limbo legal sen precedentes e sen acceso nin a tribunais, avogados ou visitas de familiares".
Amnistía lembra que as condicións ás que son sometidos os presos van en contra dos regulamentos do dereito internacional. "Están sometidos a un trato cruel e degradante", denuncian, ao tempo que advirten dos datos sobre o traslado de máis de 250 presos a outros centros de detención noutros puntos do planeta. "Son catro anos xa sen xustiza en Guantánamo", láianse desde o colectivo en defensa dos dereitos civís.
A asociación trasladoulle esta semana unha petición oficial á presidencia de quenda da Unión Europea, asumida por Austria, para que lle solicite ao goberno Bush que peche este centro de detención ilegal. O grupo gabou a intención anunciada pola chanceleresa alemá, Angela Merkel, que este xoves viaxa aos EEUU, de pedirlle á administración estadounidense que remate con esa situación de alegalidade.