"Ampliar a transparencia, rematar coa discrecionalidade e eliminar toda pegada de vencello de dependencia dos cidadáns coas institucións". Velaí algunhas claves e obxetivos expresados polo propio presidente da Xunta e que están atrás da xuntanza que Touriño tivo cos presidentes das deputacións este luns. De entre os populares foi o ourensán Baltar o que maior satisfacción expresou polo encontro, mentres que o pontevedrés Louzán dubidada dos resultados da reunión. Mentres, o presidente do goberno galego subliñaba a necesidade dunha "política de exercicio permanente dun esforzo de cooperación entre todas as administracións do noso país e que deben mellorar a súa capacidade de cooperar, de coordinarse e de traballar en común".
Esta primeira xuntanza chega ademais logo da polémica chamada desde o Parlamento galego a que os presidentes dos entes provinciais comparecesen na Cámara para explicar as contas das institucións que presiden, froito habitual de enfrontamento entre os partidos polo presunto desbalde e discrecionalidade no uso dos seus fondos. Lembrámoslles que a aquel convite só respondeu de xeito favorábel o socialista Salvador Fernández Moreda, presidente da Deputación coruñesa.
Nesta toma de contacto inicial entre goberno e deputacións, acadáronse malia todo acordos importantes, coma son o impulso dun grupo de traballo conxunto que será coordinado pola consellaría de Presidencia co obxetivo de facer un seguimento e poñer ao día as necesidades no ámbito competencial, financieiro e promover instrumentos de cooperación entre Xunta e deputacións. Ao tempo, decidiuse que Touriño se reúna cos presidentes provinciais cando menos dúas veces ao ano, para avaliar de xeito directo esta colaboración e fixouse nova xuntanza para antes do próximo verán.
"É preciso avanzar nunha liña na que as Deputacións Provinciais poidan xogar o papel de institucións complementarias ao servizo dos concellos e, en particular, dos pequenos concellos, para contribuír á súa mellora e modernización", apuntou o presidente da Xunta. De xeito concreto, falouse das necesidades de afrouxar peaxes nos contornos metropolitanos da Coruña e Vigo e artellouse unha comisión específica para o estudo de infraestruturas viarias.