"Estamos seguros (...) de que as palabras que pronunciou publicamente durante o discurso oficial do pasado 6 de xaneiro en Sevilla (...) son un fiel reflexo da opinión, inquietude e sentir de moitos dos mandos e subordinados das unidades ás súas ordes". Así o expresa a carta asinada por medio cento de altos mandos retirados que este martes publica o diario La Razón. Por outro lado, o xornal El Mundo recolle a opinión chegada desde a Asociación de Militares Españois, AME, que considera "inxusta" a sanción, mentres La Vanguardia comenta a postura expresada desde a Asociación de Militares Acollidos á Reserva, Amarte que cualifica o castigo de "desproporcionado" e "inducido por ERC". Lembrámoslles que desde o ministerio de Defensa insistírase este luns en subliñar que as declaracións do tenente xeneral Mena son "un caso illado".
"Un gran non fai graneiro", comentou o ministro de Defensa, José Bono, para os micrófonos de TVE, insistindo en que "probablemente non hai corporación en España que se acomodara tan puntualmente á hora constitucional tal e como o fixeron os exércitos". Bono esforzouse en cualificar de "puntual" a "indisciplina" de José Mena Aguado, número dous do exército de Terra, que no seu discurso en Sevilla con motivo da Pascua militar comentara que se os límites da Constitución "fosen sobrepasados sería de aplicación o artigo oitavo da Constitución: as Forzas Armadas (...) teñen coma misión garantir a soberanía e independencia de España, defender a súa integridade e o ordenamento constitucional". Bono insistiu ao respecto en que os militares deben ser "neutrais" e "non entrar na vida política".
Mentres, diversos medios recollen este martes a postura de colectivos militares en apoio das palabras de Mena. Así o fai un grupo de mandos retirados nunha misiva publicada por La Razón, onde advirten ademais que o goberno "sen dúbida tiña que coñecer perfectamente a través doutras instancias oficiais e moi especialmente dos Servizos de Intelixencia e Información do ministerio" deste estado de opinión nun sector do exército. No mesmo sentido vai a opinión manifestada desde a Asociación de Militares Españois, que recolle La Vanguardia, onde se cualifica de "dubidosa" a interpretación da Lei de Rexime Disciplinario a través da que se ordeou o arresto de Mena ao que gaban dicindo que "amosou a súa capacidade de antepoñer o interés xeral á mediocridade, cobardía e egoísmo".