Batería de 16 Urxencias para a Rexeneración de Galicia (BURGA)
Preámbulo
A FPG considérase basicamente ligada aos intereses das traballadoras e dos traballadores galegos e do mundo, e aspira á independencia da nosa nación en forma de república socialista, nun planeta liberado do capitalismo. Cos ollos postos en tal horizonte, a FPG reafírmase nos seus principios, claramente reflexados nos textos propios e nos textos da historia do comunismo desde Marx aos nosos días, pasando pola aplicación teórica e práctica do marxismo aos movementos de liberación nacional entre os cales situamos o noso propio.
Mais, no plano da política real, Galicia e o noso partido encóntrase situada nun intre histórico moi concreto. Se hai poucos meses colocabamos no punto de mira da nosa crítica e da nosa acción a figura de Fraga Iribarne e as políticas anti-nacionais e anti-populares do goberno do PP, hoxe ocupou o seu posto un Touriño procedente das fileiras clandestinas antifranquistas e unha coaligación de socialdemocratas de negra historia recente (PSOE) e de nacionalistas non independentistas de ideoloxía cada vez menos intelixíbel (BNG).
O goberno anterior fixo posíbel, xa non o estancamento de Galicia, senón o retroceso, e mesmo orixinou tendencias suicidas na nosa poboación: a negativa á reprodución biolóxica e o abandono da transmisión da lingua propia. Polo tanto, consideramos unha obriga asumirmos a función de críticos esixentes de novas políticas tendentes á Rexeneración da Patria que impidan a nosa progresión colectiva cara o abismo.
É, pois, hora de esixirlle ao goberno BNG-PSOE unha Batería de Urxencias para a Rexeneración de Galicia, tal e como a formulamos a continuación. Pensamos que ningunha delas é imposíbel dentro do marco legal vixente no Estado español (Constitución) e do seu apéndice outorgado que é un Estatuto que non representa para nós unha verdadeira Carta de soberanía nacional nin de verdadeiro autogoberno. Estamos certos de que estas Urxencias deben ser atendidas xa e agora, por este goberno, e que a súa posta en práctica política non presupón a toma do poder revolucionaria por parte do proletariado galego e do resto do pobo. Para nós son medidas factibeis e como tales imos esixirllas ao goberno desde as institucións e organizacións sociais, xa que non fomos elixidos para ocupar ningún lugar no Parlamento autonómico.
1.- Nación
Nunha hipotética reforma do Estatuto, só se conseguirá reformular con outras palabras a nosa dependencia do Estado Imperialista Español, so a forma inferior, desde o punto de vista dos valores, de Monarquía. Aínda así, e se o Estatuto se revisa, mesmo con melloras detallistas que nós non desprezamos, non poderá menos de atribuírlle a Galicia a condición de Nación, aínda que xa o actual texto considera a Galicia "nacionalidade histórica" sen que iso servise para inspirar até agora verdadeiras políticas nacionais.
En todo caso, á definición de Galicia como nación non pode substraérselle a consecuencia de que, como tal, ten dereito á súa Autodeterminación e a optar, se o desexa o pobo, pola separación de España.
2.- Laicismo
A Xunta debe observar unha conducta política de neutralidade relixiosa e fuxir para sempre de actos públicos e subvencións económicas que privilexien a Igrexa Católica. Casos como a presenza da Presidenta do Parlamento na procesión do Cristo da Victoria, en Vigo, e a da mesma Lola Villarino e de Pérez Touriño na liturxia católica de fin de ano na Catedral de Compostela constitúen espectáculos nacionalcatólicos vergoñentos.
3.- Protección do ensino en galego e público
Mesmo que haxa resistencias en Madrid, coidamos que a Xunta de Galicia debe facer pesar os seus poderes para suprimir as subvencións e concertos co ensino privado e volcarse na restauración da dignidade dos centros públicos e do seu profesorado.
A Xunta de Galicia debe ofertar un modelo de ensino totalmente en galego, no camiño dunha situación de monolingüísmo.
4.- Saneamento político-administrativo
Vemos con amargue sorpresa que a actual Xunta nomeou para algúns cargos políticos de altura persoas do PP que asumiron responsabilidades cos gobernos de Fraga Iribarne. Pensamos que tales persoas deben ser substituídas canto antes e os conselleiros respectivos deben dar á comunidade as explicacións e desculpas que o asunto merece.
Por outra banda, non temos noticia de que transcendese á opinión pública información das moitas subvencións fraudulentas e das corruptelas da administración anterior. Consideramos do maior interese que o pobo sexa informado de cómo se usaron indebidamente os fondos públicos e quen foron os beneficiarios da malversación.
5.- Nova orde informativa para Galicia
Os xornais impresos en Galicia e as radios e canles de televisión, ou son de capital e dirección foránea ou están, na súa maioría, ao servizo de intereses particulares (os seus propios intereses, en primeiro lugar), o que lles impide a transparencia e a neutralidade informativa.
Pedimos que se mellore a radio e a televisión pública galega e que, de necesidade, se poña en funcionamento unha segunda canle, así de radio como de TV, con contidos máis serios e reflexivos, sempre nunha liña de integridade e obxectividade informativa.
Para evitar o monopolismo da prensa escrita, consideramos necesaria a creación dun xornal, naturalmente en galego, de titularidade pública, e dependente do ente CRTVG. Só así se poderá contrarrestar coa voz da certeza, o partidismo, as medias verdades, o sectarismo e o españolismo da maioría do periodismo galego.
6.- Propiedade pública e política social
Faise necesario un plan realista de acordo nacional, participado polos sindicatos e polas organizacións políticas extraparlamentarias como a FPG, para recuperar o emprego e para favorecer o contrato de traballo con continuidade e seguridade, que afaste a precariedade, a explotación primaria e o abuso.
Dado que a política neoliberal cega levou Galicia á ruína, o goberno debe pór en práctica políticas de recuperación da seguridade laboral e de reconstrucción do Sector Público Galego.
Unha Entidade Financeira Galega de carácter especial e semipúblico pode ser intentada desde a fusión das dúas Caixas de Aforro, segundo a liña histórica de Alexandre Bóveda. Pero tamén, dentro do marco legal vixente, pode ser creada esa nova EFG, que contaría como base os recursos de liquidez que a Xunta de Galicia manexa na actualidade en bancos privados e mais os da administración local, e estea ao servizo de todo o pobo.
A FPG reclama un Salario Mínimo Interprofesional de 900 Euros e o establecemento dun Salario Social e dunhas Pensións Mínimas equivalentes a ese importe de salario mínimo.
7.- Acordo urbanístico nacional
A Xunta debe persoarse nos plans de ordenación urbana impedindo que a evolución das nosas vilas e cidades sexa a marcada polos intereses especulativos e non polos intereses populares.
8.- Reforma administrativa inmediata
Este goberno da Xunta está obrigado a non adiar máis a reforma administrativa imprescindíbel no país e que, en esquema, consiste na desaparición das catro provincias coas súas deputacións e a súa substitución por un poder local comarcal. A unidade básica da administración seguirá a ser o Concello, pero este debe ser reformulado á maneira portuguesa, co recoñecemento da freguesía e coa posta en vigor das correspondentes Xuntas de freguesía, así no mundo rural como no urbano.
Na medida en que se produza unha fusión de concellos, que parece aconsellábel, máis relevancia collerá a parroquia como unidade de asentamento poboacional.
As actuais Fundacións Comarcais deberán deixar o seu carácter semiprivado para converterse xa en órganos da administración e, coa lei local vixente na man, as Xuntas de freguesía poden, sen obstáculo legal ningún, ser efectivizadas de xeito inmediato.
Sabemos que toda a tradición do nacionalismo galego avala esta esixencia da FPG.
Asemade, o Goberno galego deberá promover no Parlamento a reforma da lei electoral, facéndoa máis democrática e igualitaria. Entre outras medidas, deberase reducir a porcentaxe de votos necesaria para que unha forza política acceda ó Parlamento: actualmente a barreira está no 5%, e deberíase volver ao 3%.
9.- Política Nacional de Medio Ambiente
A modernización da eliminación de residuos e a eliminación de toda polución debe ser unha prioridade. O que debe ir unido á protección integral das augas continentais, de superficie e subterráneas e marítimas, á protección integral da xeoloxía de superficie e subterránea, e a protección integral da biodiversidade, así da flora e fauna salvaxe como dos animais e plantas que o home usa, con especial atención á preservación das razas e castes autóctonas de animais domésticos e flora agrícola.
Neste sentido a restricción total de novas centrais hidroeléctricas e térmicas e de minaría pedradora (granito, lousa) e unha política de restauración dos atentados naturais destas actividades debe ser estimulada con decisión, ao tempo que se deseña unha política enerxética de novo tipo que entenda tamén na creación de empresas básicas de titularidade nacional. Unha política da paisaxe, en interrelación coa industria, as actividades de lecer e agrícolas, é urxente nunha Galicia deteriorada e predada polos intereses capitalistas que contrarian o interese xeral en materia medioambiental.
Os Museos nacionais de xeoloxía, zooloxía e botánica, cos seus centros de investigación incorporados, deberían figurar nas prioridades da Xunta.
10.- Refundación Agraria e Gandeira
Tras o longo proceso que levou unha parte do campesiñado a ser pleno propietario da terra, chegamos ao intre no que ese mesmo campesiñado se disolve e abandona a actividade agrogandeira por moi diversas razóns, todas as cales teñen que ver coa dependencia política da Nación. É urxente refundar a agricultura e a gandaría. Tendo en conta que a actividade agraria desaparece, pero a propiedade da terra permanece nas mans dos ex-agricultores e herdeiros, faise necesaria unha política de expropiacións de terras non cultivadas e de promoción de explotacións de novo tipo, así individuais como cooperativas, respaldadas financeiramente polo Goberno e nas que se contemple, se fose posíbel, novas colonizacións por agricultores galegos ou vindos de outros países para pór en valor a nosa Terra e incorporarse así á Nación.
Medidas que fagan posíbel a produción de leite á marxe das directivas da UE poderían ser contempladas e constituirían un fito histórico.
11.- Reformulación dos Montes Comunais
Gozamos do privilexio de que extensións vastísimas de monte, susceptíbel non só de uso forestal ou mineiro, senón tamén agrario e gandeiro, non son de propiedade privada e si comunal. Faise preciso pór en valor esta inmensa riqueza con medidas de planificación e financiación pública, tendo moi en conta a autoridade dos propietarios comunais pero tamén desconsiderando aquelas Xuntas de Montes que maltratan os seus ou, simplemente, os abandonan.
Un Plan de Montes de carácter nacional e público deberá se parte principal da Refundación Agraria e Gandeira da Terra. Non se pode deixar pasar máis días sen corrixir o laissez-faire das Xuntas de Montes, e do acordo entre as que funcionan correctamente e o poder público sairá ese Plan Nacional de Montes que é casa de todos e cuestión de carácter nacional.
12.- Política de Salvación da Lingua
O retroceso no uso da lingua nacional é un feito que só pode ser trocado pola abolición da política de bilingüismo harmónico que rexeu até agora e pola vigorización dunha política contraria. Non só o ensino, onde se debe actuar con forza, especialmente na preescolar e nos primeiros escalóns docentes, senón na totalidade da vida social de Galicia debe ser afectada polo nova política de restauración lingüística.
A Xunta debe facer valer a condición de lingua propia de Galicia que ten o galego legalmente en todas as ordes da vida social, incluído o mundo mercantil e industrial e ningunha cesión neste sentido poderá ser admitida.
Defendemos que a Política Lingüística dependa da Presidencia da Xunta, pero resultaríanos inadmisíbel que non irradiase o seu poder a través de toda a administración e de todas as consellerías da Xunta.
13.- Restitución da Gallaecia
Entendemos que unha idea ampliada de Galicia e baseada así na historia como na xeografía, na economía e no hábitat natural, como pasado e presente lingüístico, debe ser formulada como unha política de longa duración e amplo alcanzo.
Por unha banda, esta política, principalmente cultural e económica, deberá dirixirse ao obxectivo de as Terras Navia-Eo, Bierzo e Ancares, as Portelas e os concellos galegofalantes de Cáceres, para eles acentuaren a súa conciencia nacional galega, de cara a unha integración política en Galicia na liña do que propiciaba o Estatuto de 1936.
Por outra banda, debe haber unha constante chamada diplomática e cultural ao Portugal de Entre-Douro-e-Miño, no sentido de recuperarmos conxuntamente, eles e nós, a entidade, rompida no século XII, da Gallaecia. É natural e con raíces históricas, antropolóxicas, e hoxe económicas, esta restitución do norte e do sur do Miño e do Xurés.
Hogano, o Eixo Atlántico, como eurorrexión, non está a ser usado debidamente e deberá ser reorientado como prioridade de toda Galicia e non só de Vigo e Porto. Pensamos que mudarlle o nome de Eixo Atlántico polo de Gallaecia podería ser de utilidade e o obxectivo dun grande espazo económico e cultural deste tipo non faría senón afianzarnos no camiño da nosa soberanía nacional.
14.- Cultura humanística aberta
A era Fraga Iribarne propiciou unha cultura humanística fechada, caciquil e centrada en círculos formados por uns poucos intelectuais institucionalizados, homes e mulleres adaptados mansamente ao sistema e carentes de faculdade crítica, que constitúen unha nova edición do vello cenáculo de Ramón Piñeiro. Eles foron os destinatarios das xenerosidades institucionais e as figuras representativas no plano da cultura daquela etapa nefasta. Tenden a perpetuarse.
A Xunta debe hoxe propiciar o desbloqueo daquela nomenklatura e a apertura de novas formas de cooperación cultural.
Como primeira medida, o Consello da Cultura Galega ten que abrirse aos movementos culturais realmente existentes con carácter independente en toda a xeografía galega, en lugar de ser un couto dominado por só algunhas institucións apáticas cando non inoperantes.
Inmediatamente esta Xunta non pode deixar pasar un día máis sen recuperar o Seminario de Estudos Galegos, que fora roubado indebidamente, con todo o seu patrimonio, polo estado franquista en 1936 e que aínda hoxe se encontra baixo o poder de Madrid e no seo do CSIC baixo o nome de Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. En paralelo, a Xunta terá que facer desaparecer o grande invento do fraguismo para a investigación en materia de ciencias do home aplicadas a Galicia: o Centro Ramón Piñeiro, e facelo desaparecer nun SEG devolto á Nación.
Medidas estas que se terán que conxugar con outras que favorezan unha Cultura Humanística aberta, nacional e ceibe.
15.- Protocolo
As formalidades, a etiqueta política e o protocolo reflicten neste momento a miseria dunha autonomía que non quere ser nacional nin sequera no plano das maneiras.
Un goberno e un parlamento que teñan vontade de seren nacionais deberán prescindir de certos modos. O parlamento galego, co seu banco azul para o goberno, e o seu regulamento actual é unha versión en miniatura do español, do mesmo modo que o tratamento de conselleiro resulta unha conxugación diminutiva do de ministro. Asemellar os espazos parlamentarios galegos aos non españois ou adecuar a titulación dos responsabeis das carteiras coa designación internacional equivalente a ministre é unha formalidade que faría montar en cólera o nacionalismo español, e sería boa cousa para favorecer a autoestima galega.
A supresión das Medallas de Galicia e Castealo por representativas da era ominosa de Fraga Iribarne e a súa substitución por un sistema novo e democrático de condecoracións e honores resultaría gratificante para os que desexan o troco de maneiras á espera dunha mudanza fonda das estruturas.
16.- Amnistía
Debería o actual goberno PSOE-BNG reclamar a exculpación total pola vía do indulto, que politicamente chamariamos Amnistía, dos compañeiros da CIG de Lugo brutalmente sancionados polas súas actuacións como piquetes dunha Folga Xeral e tamén de outros homes e mulleres que recibiron por actividades resistentes graves e desproporcionadas condenas de carácter político.
Se o goberno PSOE-BNG se personase neste asunto, en lugar de ollar para outro lado cando a Garda Civil invade a vida dos galegos por orde da Audiencia Nacional, o respecto do goberno autonómico medraría por parte do País que algo espera del.
Galicia, 2 de xaneiro de 2006
A Dirección Nacional da FPG