Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PACTO LOCAL ASÍNASE A FINAIS DE XANEIRO

Xunta e Fegamp pechan un acordo que lles garante aos concellos o financiamento das "competencias impropias"

O goberno "habilitará unha partida económica co obxectivo de financiar aqueles servizos que malia seren de competencia exclusivamente autonómica, veñen prestando os concellos e as deputacións provinciais". Así o recolle de xeito explícito o documento final, acordado pola Xunta de Galiza coa Federación Galega de Municipios e Provincias, e presentado este xoves, onde se subliña que o reparto do gasto deixou os concellos "nun raquítico 13%" respecto ao resto das administracións e se lembra que mentres os gobernos locais invisten na UE unha media superior aos 2 mil euros por habitante, en Galiza esa cantidade queda arredor dos 600 euros por persoa.

- 16:18 05/01/2006
Tags:

"Dentro do marco europeo, e seguindo os preceptos da Carta europea de autonomía local do ano 1985, o eido local considérase xa como un piar fundamental no seu organigrama e motor indispensable de futuro", recolle o documento final ao respecto do Pacto Local redactado logo das achegas sucesivas desde a administración galega e da Fegamp. O texto fai referencia ao incremento no reparto de gasto acadado polos gobernos autonómicos, próximo ao 40%, e ao freo na capacidade de gasto dos Concellos, que queda no 13%.

A Xunta establecerá contías complementarias de 6 millóns de euros anuais entre 2006 e 2009 para o fondo de financiamento e o texto subliña ademais a necesidade de acadar "un pacto de Estado polo financiamento" para o que propoñen que se inclúan coma criterios "o número de núcleos de poboación e extensión do territorio". Ábrese a porta tamén á creación dun fondo de compensación interterritorial para os concellos máis desfavorecidos que tería o obxetivo de resolver "desequilibrios existentes en infraestruturas físicas, económicas e sociais". De xeito específico, chaman á participación das deputacións provinciais nesta tarefa para "garantir os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipais".

Comisións de traballo entre consellarías e concellos
Goberno galego e concellos acordan tamén a posta en marcha dun conxunto de comisións paritarias a nivel de sete consellaría e máis vicepresidencia para o desenvolvemento de diversos proxectos. Así por exemplo, unha comisión mixta con representación de Fegamp e Medio Rural debatirá criterios para a cooperación sobre infraestruturas rurais; con Vivenda vaise traballar para a promoción de vivenda pública e solo industrial; con Industria falarase de enerxía eólica, turismo e áreas comerciais e con Cultura sobre a mellora de procedementos sobre patrimonio histórico.

O custo dos xulgados de paz, do mantemento dos centros de primaria, o fomento das agrupacións de concellos para o sostemento común de postos de funcionarios e servizos de arquitectura e urbanismo e o fomento de consorcios para a prestación de servizos de forma conxunta "en especial, augas, residuos e transportes", son outras achegas ao financiento por parte da Xunta subliñadas no documento.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: