Un total de 63 xornalistas e 5 colaboradores de medios de comunicación morreron en 2005, un ano onde tamén houbo agresións e ameazas contra 1.308 traballadores dos medios, 807 xornalistas foron detidos e máis dun milleiro de medios sufriron algún tipo de censura directa. Son as cifras produto do reconto de casos concretos e documentados realizado durante os últimos doce meses polo colectivo Reporteiros sen Fronteiras, desde onde advirten que os datos non eran tan alarmantes desde 1995.
"Por terceiro ano consecutivo Iraq continúa sendo o terreo máis asasino", láianse desde Reporteiros sen Fronteiras, lembrando que 24 xornalistas e 5 colaboradores dos medios perderon a vida naquel país en 2005, facendo suma de 76 mortes desde o inicio da invasión en 2003.
O colectivo fai denuncia en especial da situación en varios países, coma son Bangladesh e Nepal, onde "as agresións son practicamente diarias e proceden de todas partes: axentes das forzas da orde, militantes de partidos do poder ou da oposición e membros de grupos armados". Ao tempo, fai reconto dos xornalistas que están no cárcere, entre outros: 32 en China, 24 en Cuba, 17 en Etiopía, 13 en Eritrea e 5 en Birmania.
Tamén se ocupa de internet, medio no que advirten que "está sendo estritamente controlado por algúns gobernos liberticidas" e sobre o que fan lista dos quince principais "inimigos de internet": Arabia Saudí, Belarús, Birmania, China, Corea do Norte, Cuba, Irán, Libia, Maldivas, Nepal, Usbequistán, Siria, Túnez, Turkmenistán e Vietnam.