Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O NÚMERO DE INSCRITOS NA SEGURIDADE SOCIAL CHEGA AO MILLÓN DE AFILIADOS

Traballo gaba o incremento de cotizantes e os sindicatos critican a temporalidade

Durante o ano 2005 o número de afiliados á Seguridade Social aumentou en Galiza en 33.490 persoas, unha suba do 3,5% respecto aos datos do ano anterior, que fai brincar o total de inscritos por primeira vez por riba do millón de traballadores. Na mesma xornada que se coñecía que durante os últimos doce meses as oficinas de desemprego rexistraron 6 mil parados menos, desde a CIG lembran que máis do 92% dos contratos asinados foron temporais, co paro en Galiza aínda 2,7 puntos por riba da media estatal. Na mesma liña, desde a UXT subliñan que o mercado laboral galego "segue a debuxarse en termos de precariedade".

- 07:21 04/01/2006
Tags:

Un total de 713.806 persoas están inscritas en Galiza no rexime xeral da Seguridade Social, un 4,45% máis ca no ano anterior, incremento que no que lle toca aos autónomos chegou ao 2,68%, deixando o total de afiliados en 183.736. Segundo os datos ofrecidos este martes pola consellaría de Traballo, só no agro se rexistrou un descenso na taxa interanual de afiliados, cunha redución do 6% no número de cotizantes, que queda en 56.935 persoas.

Malia isto, entre novembro e decembro de 2005 houbo unha diminución de 11.425 persoas nesa listaxe total de afiliados, especialmente significativo no caso da provincia de Pontevedra, onde a redución de cotizantes dun mes para o outro foi de 6.108 persoas. Ao respecto da evolución nese mesmo mes, lembran desde a UXT que o paro se incrementou nun 3,38%. Por sectores, o paro subiu principalmente na construción (10,7%), seguido da industria (6,55%) e o sector agrogandeiro (5,81%).

Emprego precario
"Seguimos estando nas porcentaxes de sempre. De preto de 800.000 contratos que se fixeron en Galiza, só o 8,8% son indefinidos", láiase o secretario xeral da CIG. Suso Seixo lembrou este martes ao fío das novas cirfas que esta situación "débese ter moi en conta de cara ao acordo para o emprego que se vai negociar co goberno da Xunta". Seixo pediu que se "adopten realmente un tipo de políticas que leven a que se modifique a precariedade do emprego que é de niveis moi altos e moi superiores á media europea".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: