"É perfectamente doado de comprender que nun momento no que se está abrindo un proceso de reforma estatutaria onde o interlocutor vai ser o goberno central se defenda que ningunha nacionalidade histórica pode entrar por baixo do que a propia Constitución lle recoñece". Así defende o concelleiro vigués do PSdeG e secretario do partido na comarca, Miguel Barros, a necesidade dun "estatuto de nación" para Galiza. Barros, tradicionalmente no sector máis galeguista do PSdeG, explica así o seu apoio ao manifesto que neste sentido promoveu a Fundación Enclave, vencellada a Esquerda Nacionalista, e insiste na necesidade de que nese debate os socialistas galegos tendan pontes co BNG.
"Un político tén a obriga de facer público o seu pensamento sobre as cuestións que lle afectan aos cidadáns, e non podemos estar lonxe de cuestións coma ésta, que son fundamentais para o futuro do noso país", explicou este martes Miguel Barros en declaracións para Vieiros, "hai que esforzarse por responder a eses desafíos". Barros respondía así ao presunto desacougo que, segundo publica o Faro de Vigo, tería creado na dirección do PSdeG o seu público apoio ao manifesto sobre o "Estatuto de nación para Galiza" promovido pola Fundación Enclave.
O secretario comarcal dos socialistas vigueses argumenta a prol de defender na sociedade "a conciencia de que pedir a cualificación de nación derívase da propia natureza de nacionalidade histórica que a Constitución recoñece" e comenta que "en certo momento da historia fíxose un sacrificio, á política e á convivencia, pero agora, na altura de 2006, debemos tratar de acomordarnos á realidade. E se no seu momento non foi posíbel por presións obvias, non tería sentido agora non facelo". "Xa que logo é perfectamente doado de comprender que nun momento no que se está abrindo un proceso de reforma estatutaria onde o interlocutor vai ser o goberno central se defenda que ningunha nacionalidade histórica pode entrar por baixo do que a propia Constitución lle recoñece", subliña.
"Non milito nun partido para estar calado", defende Miguel Barros ao tempo que lembra que o propio presidente da Fundación Iniciativas 21, vencellada aos socialistas galegos, "tense referido claramente a que o concepto nación debe ser recollido no Estatuto". "Milito no socialismo galego porque é a formación que máis se acomoda á miña visión da vida", di Barros reafirmando a súa convicción de que o PSdeG pode e debe sumarse a ese discurso. "O socialismo é liberdade", dinos, "é o día que iso non fose así eu por suposto non estaría xa nese partido".
Pontes entre socialistas e nacionalistas
"Os intentos de consolidación que en diversos momentos tanto desde o eido da dereita do PP coma tamén desde o PSOE se fixeron cara á intención de consolidar un bipartidismo amosaron claramente a resistencia do electorado galego a esas presións. O cidadáns non queren someterse a ese corsé", advirte Barros, que pasa a continuación a referise aos atrancos que cara ao diálogo neste e noutros temas tén xurdido desde ámbitos do PSOE e o PP. "A saída de tono co tema das fronteiras, querendo crear de repente sobre unha cuestión tan anecdótica unha especie de batalla entre os gobernos autonómicos, é outro exemplo de a que estremos se está levando a situación", láiase.
"Un principio básico en democracia debe ser a incorporación do nacionalismo ás responsabilidades reais de goberno, é de importancia medular para o futuro do país que isto suceda así", comenta Barros en referencia ás cancelas ao diálogo co nacionalismo que abrollarían desde diversos sectores, "o nacionalismo non está aí por capricho, senón porque os galegos o decidiron así, e non ter iso en conta é un erro político importante que ten que ver cunha paradoxal resistencia a cumprir a vontade do electorado".
O Manifesto para un "Estatuto de Nación"
Lembrámoslles que Miguel Barros non é o único socialista que decidiu asinar a reivindicación redactada pola Fundación Enclave, vencellada a Esquerda Nacionalista, formación integrada no BNG. Cando menos outras tres sinaturas foron achegadas xa a este texto desde o ámbito do PSOE, as de Xosé Luís Rodríguez Pardo, ex-Secretario Xeral do PSdG-PSOE e avogado, Ceferino Díaz, deputado do PSdeG-PSOE no Congreso e Miquel Iceta Lloréns, deputado do PSC no Parlament catalán.