Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AUMENTA O GASTO E AS PERNOCTAS EN GALIZA

O reconto de visitas en 2005: entre un e cinco millóns de turistas

Así de imprecisa se amosa a avaliación segundo a estatística á que miremos. Desde a Dirección Xeral de Turismo, recentemente presentábase o informe de 2005, que asegura que até 5,1 millóns de turistas nos visitaron os últimos doce meses. Por outro lado, e segundo as cifras do Instituto de Estudos Turísticos, vencellado ao ministerio de Industria, a entrada de turistas en Galiza entre xaneiro e novembro de 2005 sumou algo máis de 777 mil persoas, un 14,4% de incremento sobre as cifras que a mesma institución rexistrara en 2004 para o noso país. Desde o executivo galego puntualizan que manexan máis variábeis ca no estudo do goberno español.

- 06:41 04/01/2006
Tags:

Preto de 14 mil turistas por día chegaron a Galiza durante os últimos doce meses, segundo as contas que botou a Xunta. O informe propio presentado co peche do ano pola Dirección Xeral de Turismo recolle unha suma de 5.146.766 turistas en 2005, un 16,5% máis ca en 2003 (4,4 millóns), o exercicio co que fai comparativa por ser ano Xacobeo o 2004 (6,4 millóns de turistas), co cal se considera que as cifras se incrementaron por riba do habitual.

O detalle dos datos amosa que a maioría se aloxou en hoteis (3,2 millóns), e o resto escolleron hostais ou pensións (751 mil), cámpings (965 mil), casas rurais (191 mil) e apartamentos turísticos (27 mil). A media de ocupación quedou así ao cabo do ano nun 53,9%, dez puntos por baixo do Xacobeo de 2004 pero tres puntos máis ca en 2003. O informe elaborado pola Dirección Xeral de Turismo considera que o gasto medio por turista brincou dos 71 euros de 2003 a 76 euros por persoa en 2005, cun volume total de 3.702 millóns de euros (En 2003 foran 2.947 millóns e en 2004 o total quedou en 4.700 millóns).

O perfil
Á beira, outro estudo do Departamento de Estatística da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago elaborou un perfil do turista medio que chega a Galiza: o 80,5% teñen entre 19 e 50 anos, un 81% vén de zonas urbanas e o 49% ten estudos superiores. Os propios galegos representan a maior porcentaxe dos considerados turistas, o 23,3%; de fóra do Estado viñeron o 13,6%, a maioría portugueses e franceses, e do resto do Estado a maior porcentaxe súmana os turistas madrileños, o 22,7% do total.

As outras cifras
Atendendo ás estatísticas que manexa o Instituto de Estudos Turísticos, sen datos aínda do pasado mes de decembro, só cinco comunidades superaran no Estado en novembro a cifra dos cinco millóns de visitantes: Cataluña (13,2 millóns), Baleares (9,4 millóns), Canarias (8,6 millóns) e Andalucía (7,6), e a Comunidade Valenciana aproximábase a esa cifra cara á fin de ano, con 4,8 millóns de turistas. Segundo esta mesma fonte, o maior incremento na actividade turística a nivel estatal produciuse nas comunidades de Aragón, Asturias e Cantabria, con porcentaxes de 55, 40 e 38% no incremento de turistas respecto a 2004, taxa que en Galiza subiu un 14,4% nese período.

Achegámoslles tamén as estatística de "Coxuntura turística hoteleira", con elaboración do INE a partir de datos achegados polo Instituto Galego de Estatística, e que cifra en 230 mil o número de viaxeiros en terras galegas deica novembro de 2005 e eleva a 465 mil o número de pernoctas, é dicir, unha estancia media de dúas noites por cada turista, avaliando ademais que a ocupación media foi dun 29,2%.

Ao respecto desta diverxencia nas cifras, desde a Dirección Xeral de Turismo aseguran que tén que ver co número de criterios manexados, que no caso do informe elaborado desde o goberno galego ampliaría o número de variábeis consideradas, froito das enquisas directas realizadas sobre os hoteis e a súa porcentaxe de ocupación ao cabo do ano, e que incluiría tamén aos propios galegos que se desprazan dentro do país, aloxándose en establecementos hoteleiros e facendo un gasto que estatisticamente consideran significativo para o reconto da actividade turística total.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: