Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O QUE PASOU EN 2005

Do cemento para todos ao plan para o rural e as cancelas para a minicentralización

As consellarías de Medio Rural e Medio Ambiente protagonizaron dous dos mellores exemplos da viraxe nas políticas da administración galega logo da toma de posesión do bipartito. As queixas por clientelismo e irregularidades a conta de numerosos proxectos dos anteriores responsábeis destes dous departamentos chegaran até os últimos días do equipo Fraga. Antes de deixaren os seus despachos e mesmo cando xa eran goberno en funcións, o executivo anterior atara un amplo abano de cuestionábeis iniciativas que os seus sucesores no cargo decidiron revisar e redeseñar.

- 10:28 30/12/2005
Tags:

A inédita imaxe dos alcaldes do PPdeG atrás dunha pancarta a pé do Parlamento galego e dos voceiros do partido armados de megáfono en arenga aos manifestantes a conta dos proxectos paralizados pola consellaría de Medio Rural, foi actualidade a finais de novembro. Paradoxalmente, os populares evitaron en todo momento responder ao detalle das acusacións que desde a Xunta se fixera sobre esas iniciativas. Aparcadoiros privados, urbanización de contornos urbanos, construcción de piscinas, campos de golf... Non só era claramente cuestionábel a necesidade de que fose o departamento de Agricultura quen financiase esas obras, senón que no seu reparto de fondos, o executivo de Fraga amosara un claro privilexio cara a concellos con alcalde do PPdeG. Por riba, un bo número foran comprometidos en plena campaña electoral e aínda na convicción de que era tecnicamente imposíbel cumprir cos prazos. Suárez Canal advertiu tamén que unha futura auditoría da UE puidera ter descuberto que o PP promovera obras "que non encaixan dentro do que en Europa se contempla como financiable no desenvolvemento rural".

Finalmente, os populares habían de darlle a razón a Medio Rural sobre a necesidade de repensar o plan de obras rurais, recoñecendo a razón da suspensión dos proxectos. En xuntanza coa Federación Galega de Municipios, os representantes populares na institución amosaban a vontade de diálogo ao respecto, aceptando a nova priorización e o redeseño do plan de obras.

Freo á minicentralización
O conselleiro de Medio Ambiente referiuse ao "furor licitador" do goberno de Manuel Fraga para reprocharlle a sobreexplotación dos ríos galegos coa concesión "indiscriminada" de minicentrais. Avanzaba así a comezos de novembro a intención logo confirmada de suspender a concesión de numerosas licencias de saltos eléctricos adxudicados nos últimos meses pola consellaría daquela liderada polo popular Xosé Manuel Barreiro. Ao respecto comentaba tamén a irregular aceleración de moitos dos proxectos hidráulicos, mesmo escatimándolle rigor e análises ambientais. Sobre o asunto achegaban máis información desde a Coordenadora Galega para a Defensa dos Ríos, formada por organizacións ecoloxistas, plataformas veciñais, sindicatos, asociacións de pescadores e outras entidades, que lle enviaban á fiscalia anticorrupción información sobre un presunto "conseguidor" vencellado a maioría de proxectos irregulares.


Ligazóns

0/5 (0 votos)