Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O QUE PASOU EN 2005

A fin da era Fraga en Galiza

"As malas noticias sempre son malas noticias", confesaba Manuel Fraga á volta das eleccións e preguntado polas posíbeis tensións internas no PPdeG logo de perder o goberno da Xunta. A caída do esmorecente líder popular semella que rematou coa presunta solidez do "fraguismo", tamén a xulgar polas débiles referencias ao xefe saínte nos discursos dos que foron candidatos a liderar o partido.

- 10:18 30/12/2005
Tags:

"Por un pelo non demos conta do asunto", afirmaba o daquela aínda presidente en funcións, "pero se cadra ese pelo chega mañá", insistía esperanzado en que a emigración lle dese a volta ao reparto e lle asegurase un novo mandato. "Non é tempo de afiar coitelos", comentaba o presidente provincial ourensán, Xosé Luís Baltar, ao tempo que os esforzos por reflectir tranquilidade cara o exterior non ocultaba o relucir das navallas políticas populares.

"O meu propósito é coma sempre que asumo unha carga, facelo durante todo o tempo que Deus mo permita e dende logo que será por toda esta lexislatura", dicía publicamente Manuel Fraga, mentres, nas corredoiras de poder do partido xa se movían os resortes sucesorios e o líder saínte aseguraba ir renunciar á intervención no proceso de relevo e cedíalle o protagonismo á "divina providencia". Lonxe dos azares, o cambaleo sucesorio quedaría finalmente decantado da beira do máis parecido a un candidato na sombra nesas eleccións, Alberto Núñez Feijoo, e coa intervención clave de quen no seu momento atrevera un órdago fronte ao mando fraguiano e saíra con ben da aventura: Xosé Luís Baltar.

Astuto estratega e negociador nos tapadillos do partido, Baltar xogaba a todos os paus na partida popular baixo a máxima de que pasase o que pasase debía manter a súa cota de poder. Así, co requerimento a Xosé Cuíña da metade da metade dos compromisarios pontevedreses coma condición mínima para garantirlle os avais ourensáns, que finalmente o do Deza non cumpriu, argumentaba a súa viraxe de último momento en favor de Feijoo. En previsión desa necesidade de pacto asinara xa co sector de Feijoo unha lista de consenso en Ourense con representación de "boinas" e "birretes", nunha xogada que lle garantirá privilexios no escenario posfraguista.

A conmemoración dos 25 anos do Parlamento dáballe o protagonismo no peche do ano a Alberto Núñez Feijoo, que anunciaba a entrada do PPdeG nas negociacións para o novo Estatuto galego e debuxaba unha viraxe cara ao diálogo, poucos días despois de que Manuel Fraga ofrecese unha nova estridencia ao comentar sobre a proposta de estatuto do BNG que "é moi boa coma papel hixiénico".

Despois do seu último momento de gloria popular na despedida no próximo Congreso de xaneiro, o futuro de Manuel Fraga a curto prazo pasa polo Senado, lugar de retiro habitual dos que tiveron peso importante no seu partido e pasaron a segundo plano. Fraga sentará no escano onde deica agora estaba Corina Porro ou ben no que ocupaba o alcalde de Ourense, Manuel Cabezas, nun foro que paradoxalmente precisara dun especial esforzo de adicación nos vindeiros meses, onde a institución afronta un proceso de reforma que o quere converter en cámara de representación territorial.


Ligazóns

0/5 (0 votos)