Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BALANZO DE SINISTRALIDADE LABORAL

Preto dun milleiro de accidentes graves e case cen mortos no traballo en 2005

"Unha sociedade como a galega, que pretende ser moderna e avanzada, non se pode permitir sufrir estas cifras", afirmou este xoves no Parlamento o presidente da Xunta. Emilio Pérez Touriño anunciaba que está xa en proceso de deseño o Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais. O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, preguntáralle ao respecto lembrando os números da sinistralidade laboral galega: "está a repuntar a mortalidade cun índice de 12,5% por cada 100.000 habitantes, fronte ao 6,79 estatal e o 1,74 dos países máis desenvolvidos".

- 07:15 30/12/2005
Tags:

"O plan deberá estar dipoñible xa no primeiro semestre do ano que vén", avanzou Emilio Pérez Touriño na súa comparecencia no Parlamento galego, onde subliñou que o goberno estea xa en contacto cos axentes económicos e sociais para o deseño dun Plan Estratéxico que vire esta situación.

Touriño debullou as medidas básicas dese plan promovido desde a consellaría de Traballo, que inclúe xa o impulso da campaña publicitaria "Cumprindo a tempo gañamos todos. Por ti, por todos", co obxetivo de fomentar a "cultura da prevención". Ao tempo, deseñouse para o ámbito escolar a campaña bautizada "A prevención na escola", que busca acadar a implantación dos conceptos de seguridade e saúde laboral dende as aulas. Touriño anunciou tamén que se substituirá o actual Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, cualificado polo presidente coma "altamente ineficaz e inoperativo", e que os centros provinciais cos que conta se integrarán nun novo ente cunha nova metodoloxía de funcionamento.

O voceiro do BNG, Carlos Aymerich, destacara anteriormente a necesidade de que aos galegos se lles "garanta tamén un dereito fundamental dos traballadores como é o de ter un traballo seguro". Aymerich lembrou que deica novembro deste ano morreran en Galiza un total de 93 persoas en accidentes de traballo. Ao tempo, pediu unha "maior implicación na inspección de traballo" e criticou ao PP por non ter avanzado na colaboración co Ministerio Fiscal nesta materia reprochándolles que sobre a creación de fiscais especializados "até o de agora só houbera palabras".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: