Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PLENO NO HÓRREO CONTINÚA ESTE MARTES

Inédito diálogo no debate orzamentario do Parlamento

Se hai un ano socialistas e nacionalistas, daquela na oposición, debullaran o proxecto de orzamentos do último goberno de Manuel Fraga presentando preto de dous milleiros de emendas a aquelas contas, o PP apenas aceptou tres pequechas propostas. Desta volta, o propio ex conselleiro de Economía, Xosé Antonio Orza, gabou a vontade de diálogo parlamentario e o debate durante a primeira xornada rematou coa aceptación de 24 emendas presentadas polos populares. Poden seguir o debate en directo a través de internet.

- 07:56 27/12/2005
Tags:

Desta volta, os populares achegaran ao rexistro parlamentario un total de 522 emendas, destas 485 referidas a proposta de modificación de gastos e outras 37 sobre posíbeis cambios á redacción de artigos do proxecto orzamentario. Da súa beira, os grupos parlamentarios de PSdeG e BNG tamén achegaran outra ducia de emendas. A primeira xornada pechouse coa aceptación aos populares de 14 emendas referidas a gastos e 10 sobre o articulado do proxecto. Desde o grupo parlamentario do PPdeG, o ex conselleiro Orza gababa o "esforzo negociador" dos grupos do executivo. Para este martes queda o debate sobre as contas de tres departamentos: as consellarías de Traballo, Vivenda e Medio Ambiente.

Lembrámoslles que o proxecto de orzamentos para 2006 do bipartito fixa case 10 mil millóns de euros de investimento e cinco eixos clave de actuación: modernización económica, emprego estable e de calidade, mellora da sanidade, compromiso social e equilibrio territorial. En cifras concretas o obxetivo para o próximo exercicio é acadar unha taxa de crecemento do 3,4% do PIB, creación de 31.000 empregos netos e situar a taxa de paro de Galiza por debaixo do 10%. Na mañá deste luns iníciase un debate que rematará o próximo martes e no que se agarda que o proxecto orzamentario previsto non saia apenas modificado. O PPdeG presenta emendas ás contas de todas as consellarías.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: