"A Constitución e o Estatuto. Un marco de convivencia", é título da ponencia na que traballan os populares galegos cara ao seu próximo Congreso, onde segundo avanza Europa Press, subliñan que o novo Estatuto para Galiza non debe ter "nin máis nin menos atribucións que as que loger Cataluña" no seu proceso de negociación actual co goberno central. Malia os avisos de Manuel Fraga ao respecto, o documento non pon condicións para que o PPdeG participe no proceso de diálogo que se vai abrir no Parlamento galego.
Advertira o presidente saínte do PPdeG, Manuel Fraga, que se a palabra "nación" aparecía no discurso previo cara á apertura do diálogo entre os partidos, o seu partido non participaría no proceso de reforma estatutaria. Semella en todo caso que ese aviso non será efectivo unha vez que a nova dirección popular tome o mando do partido no congreso de xaneiro, e logo que o probábel sucesor, Alberto Núñez Feijoo, confirmase a vontade de diálogo do PPdeG durante o acto de conmemoración dos 25 anos do Parlamento galego, onde en diferentes graos, ese desafío abrollou no discurso de PSdeG e BNG.
"Unha vez aberto polo goberno bipartito o proceso de reforma do Estatuto, o PP de Galiza non vai defraudar a seus votantes e participará nel, en defensa dun proxecto galeguista, reformista e centrado na consecución de instrumentos axeitados para a solución dos problemas reais dos galegos", recolle o documento que os populares levarán ao Congreso. Ao respecto, o PPdeG subliña que a súa intención pasa pola "reforma" e non pola redacción dun novo estatuto que parta de cero.
Especialmente, no caso do posíbel marco de negociación bilateral de investimentos do Estado, o PPdeG está disposto a defender esa posibilidade para Galizaen función das concesións que os partidos cataláns consigan para Cataluña, fixándose só o límite no "respecto escrupuloso á Constitución e o marco vixente".
Alén disto, o documento subliña o poder negociador dun PPdeG que "é imprescindíbel para aprobar a reforma" toda vez que esta require das dúas terceiras partes dos votos do Parlamento. Á beira, unha triple crítica: no contorno estatal denuncian a "grave irresponsabilidade" da apertura simultánea do debate sobre "grandes cuestións que no pasado levaron ao enfrontamento", entre as que citan a relixión, a monarquía, financiamento autonómico ou modelo territorial do Estado. A nivel galego e sobre o proceso estatutario, cualifican de "incoherencia" a postura do PsdeG, especialmente pola referencia no acordo do bipartito ao "carácter nacional de Galiza", e definen coma "inconstitucional" o proxecto de Estatuto presentado polo BNG.