Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AGARDÁBANSE AS SÚAS EXPLICACIÓNS LOGO DAS NOVAS PROBAS

O ex director da Mariña Mercante tenta evitar a comparecencia na subcomisión do Prestige

Especialmente agardada era a intervención para a que fora requirido este mércores no Congreso o ex director xeral da Mariña Mercante, José Luís López Sors, logo das gravacións feitas públicas por IU hai poucos días. O material daba conta dunha conversa de Sors co coordinador do Centro Nacional de Salvamento que se producía apenas un par de horas despois da chamada de auxilio do Prestige, probando que desde o primeiro momento o goberno deu orde de afastar o petroleiro da costa "até que afundira".

- 07:50 22/12/2005
Tags:

O ex responsábel da Mariña Mercante, que debía ter comparecido ás 10h do mércores, excusou a súa ausencia cun escrito onde pide adiar a súa intervención até obter resposta do xulgado de Corcubión, onde permanece imputado pola causa aberta polo Prestige, sobre a conveniencia ou non de que dea explicacións no Congreso. Xa que logo, o que López Sors puidese manifestar nesta comparecencia podería influir na propia causa xudicial, máis aínda logo das novas probas aparecidas ao respecto da súa actuación durante o 13 de novembro de 2002.

Desde o BNG, a deputada no Congreso Olaia Fernández Davila criticou a decisión de López Sors lembrándolle que tiña "a obriga de poñer luz sobre a súa xestión" e cualificou a súa ausencia de "moi reveladora" logo do acontecido, pedíndolle que aclare se decidiu afastar o barco por informes técnicos ou decisión política.

Lembrámoslles que logo da gravación feita pública, onde se documentaría que o goberno ordeou desde o primeiro momento o afastamento do barco para afundilo, IU pediu que a petición de comparecencia neste foro se amplíe ao ex ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos, e do ex vicepresidente do goberno, Mariano Rajoy.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: