Durante a pasada madrugada produciuse unha explosión no arsenal militar de Ferrol, no interior da fragata Extremadura, un dos buques máis vellos da Armada, construído nos anos 70, e do que o exército informara que ía ser substituído en pouco tempo. O suceso, acontecido pasada a medianoite, causou a morte de dous mariñeiros que se encontraban próximos á zona do estoupido e non causou danos ao resto da tripulación que á mesma hora estaba tamén no barco. En declaracións á Radio Galega, Enrique Suárez, do servizo de bombeiros da cidade, confirmou que logo da chamada recibida ás 2h25, o seu equipo colaborou no rescate dos corpos xa sen vida de dúas persoas do interior da caldeira principal da fragata. Lembrámoslles que o pasado verán, catro traballadores faleceran tamén en Ferrol no interior dunha fragata, daquela mentres traballaban nun barco noruegués que se construía en Navantia.