Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GUÍA EXTERIOR DO IGADI

O labirinto boliviano

O próximo 18 de decembro, Bolivia celebrará eleccións presidenciais dentro dun clima de recorrente inestabilidade social e política, suscitada dende a caída do ex presidente Gonzalo Sánchez de Lozada en 2003. Este escenario presenta múltiples saídas: desde a posibilidade de concretar un marco político que permita afianzar un novo goberno e garantir un clima de estabilidade ata a ameaza de desembocar nunha eventual desintegración territorial e, incluso, unha violenta confrontación civil.

- 10:13 16/12/2005
Tags:

Na conxuntura actual, estes comicios revisten un carácter máis decisivo que os anteriores. A posibilidade de que o líder indíxena e cocaleiro Evo Morales gañe as eleccións, engadiría unha maior complexidade ao escenario rexional, dando paso tamén a un momento histórico en relación ás demandas dos pobos indíxenas e as masas populares. Sen embargo, a contraditoria política boliviana amosa un escenario repleto de turbulencias, tamén condicionada pola influencia de diversos intereses externos.

Eleccións en Bolivia: cara un novo escenario crítico?

1) En qué momento se atopa a conxuntura política pre-electoral? Trala renuncia do presidente interino Carlos Mesa en xuño pasado, o seu sucesor, nomeado polo Congreso, Eduardo Rodríguez, impulsou os mecanismos necesarios para a celebración dun adianto dos comicios presidenciais, tomando como data o próximo domingo 18 de decembro. Esta decisión tiña por finalidade concretar unha vía rápida de solución á crise política desatada trala caída do presidente Gonzalo Sánchez de Lozada, en outubro de 2003, e ás continuas turbulencias sociais que asolaron o país nos dous últimos anos. En principio, estes comicios estaban previstos para o ano 2007.

Un alto funcionario do actual goberno declarou recentemente que o anuncio presidencial de celebrar eleccións o próximo domingo constitúe "unha válvula de escape no contexto dun grave conflito social". Os principais líderes políticos, empresariais, sindicais, sociais e a Igrexa católica consideran que o actual contexto electoral reflicte unha especie de período transitorio previo á reanudación dun previsible escenario de maior convulsión social e política.

2) Cales son os principais síntomas da conflitividade? A crise política e social revelou unha fenda e múltiple división territorial e étnica de gran envergadura, que se traduce en conflitos entre as rexións do altiplano e as costeiras; entre a numerosa poboación indíxena (60% do total do país) e as elites descendentes de europeos; entre o modelo endóxeno de desenvolvemento e o de apertura neoliberal, traducido na loita do control dos recursos gasíferos e nas demandas económicas das comunidades cocaleira. Por último, se observa unha marcada confrontación entre as elites e as poboacións das dúas principais cidades: a capital, La Paz, e as ricas rexións gasíferas de Santa Cruz e Tarija, o cal tamén traslada determinadas tensións ao estamento militar.

En xullo de 2006, Bolivia celebrará un decisivo referendo sobre a creación dunha Asemblea Constituínte e, posiblemente, sobre a demanda de autonomía da rexión de Santa Cruz. Diversos sectores entenden que este escenario constituiría a única solución do conflito mentres para outros, acrecenta o perigo de desintegración territorial e, incluso, de confrontación violenta.

3) Cales son os principais contendentes electorais? Segundo as derradeiras enquisas realizadas a mediados de novembro, a opción de Evo Morales e o partido Movemento ao Socialismo, MAS, se coloca á vangarda das intencións de voto, cun 35% do apoio popular. O seu principal contrincante é o ex presidente Jorge Quiroga, do Poder Democrático Social, PODEMOS, cunha porcentaxe de voto que alcanza o 27%. Mais lonxe está a opción do empresario Samuel Doria Medina, da Unidade Nacional, UN, cun 14%. En total, participan 8 partidos políticos cos seus respectivos candidatos. Existe unha franxa estimada dun 10-12% de votantes indecisos.

4) Cómo é a dinámica de elección no sistema electoral? O sistema electoral boliviano, tamén no centro da polémica e suxeito a posibles reformas no futuro, considera que se un candidato non obtén a maioría absoluta do 50% da convocatoria electoral, o Congreso Nacional nomearía ao futuro presidente. Deste xeito, se ben Morales pode ser o candidato mais votado, a facultade do Congreso para elixir ao próximo presidente podería aumentar as opcións de Quiroga, tomando en conta a actual composición política no poder lexislativo e a posible alianza do sector empresarial.

5) Cómo se presenta a situación dentro das Forzas Armadas? Un dato a resaltar ten que ver con que, por vez primeira trala caída da ditadura militar en 1985, as Forzas Armadas involucráronse publicamente nesta campaña electoral, pedindo que se recoñecera como presidente ao vencedor na primeira volta, sen necesidade de acudir á votación no Congreso nunha segunda volta.

Esta declaración do estamento militar ocorre nunha conxuntura inquietante. A Fiscalía boliviana está investigando a actuación dos militares nas violentas revoltas de outubro de 2003, que deixaron 60 mortos. Polo tanto, o xefe de Estado Maior do Exército, xeneral Marco Antonio Vázquez, reafirmou a subordinación militar aos procedementos democráticos, respectando ao vencedor das eleccións. Ante a inquietude existente en diversos sectores das FFAA sobre a posible vitoria de Evo Morales, o xeneral Vázquez confirmou que a institución castrense se sometería sen problemas á súa autoridade.

6) Qué escenario se presenta dentro dos movementos indíxenas? A popularidade de Evo Morales, principalmente na rexión do Chapare, comezou a aumentar trala caída de Sánchez de Lozada. Como líder do MAS e voceiro dunha gran amalgama de movementos sociais, campesiños e indíxenas, Evo Morales impulsou unha dobre estratexia de forte oposición política dentro do Congreso, simultaneamente co seu activismo nas rúas. Neste sentido, os grupos indíxenas apoiados por Morales contribuíron ás manifestacións populares, folgas e bloqueos das principais vías circundantes á capital, La Paz, como medida de presión ao goberno.

Non obstante, Morales non é o único líder do indixenismo boliviano. Felipe Quispe, ex guerrillero e líder do Movemento Indixenista Pachakutik, amosa unha posición aínda mais radical (e non menos popular), contraria a realizar acordos coas autoridades políticas tradicionais e oposto a participar no actual sistema electoral. Quispe propón unha opción territorial secesionista e autónoma para o pobo indíxena, que denomina "a república de Collasuyo".

Entre Quispe e Morales existen diversos puntos de empatía e fricción, pero a "opción Morales" se revela aínda mais aceptada polas elites e os partidos políticos, polo feito de formar parte do sistema. Recentemente, Morales anunciou a decisión do seu partido de aceptar o resultado electoral, incluso se o Congreso boliviano elixe finalmente o próximo presidente.

7) A percepción do fenómeno Evo Morales: unha solución ou un problema? Ante o avance da súa candidatura, Evo Morales e a opción política do MAS confrontan reaccións diversas na sociedade. Para a numerosa comunidade indíxena, a posibilidade de que un indíxena e cocaleiro se achegue á presidencia do país constitúe un momento histórico na súa loita, cun eventual impacto na área andina, especialmente en Perú co movemento etnocacerista de Ollanta Humala, e Ecuador, coa poderosa Confederación Nacional Indíxena e outros movementos que comezan a copar a escena.

Porén, a reacción "anti-Evo" é tamén forte dentro e fóra de Bolivia. Sectores da clase media alta e as elites políticas e económicas considérano un elemento subversivo con intencións de expandir a súa influencia na rexión. O programa político do MAS enfrontase a intereses económicos e políticos tradicionais, xa que contempla un cambio estrutural do modelo económico e político, que permita a nacionalización dos recursos naturais (hidrocarburos e gas natural); unha Asemblea Constituínte para reformar a estrutura do Estado e a sociedade; e unha maior apertura á sociedade civil e á organización social colectiva.

Ante o próximo panorama electoral, as declaracións dun deputado do MAS sinalando que Morales "gañaría polas boas ou polas malas" e, incluso, aducindo que o MAS tiña "amigos" nas filas castrenses, agravou as críticas contra o candidato indixenista, quen se viu obrigado a desautorizalo. Morales tamén moderou o seu discurso en canto á nacionalización dos recursos naturais.

Sen embargo, a ambigüidade de Morales, actuando simultaneamente dentro e fóra do sistema establecido, aumenta a inquietude social e política nalgúns sectores. Se ben pode utilizar elementos radicais no seu discurso, o programa electoral do MAS avanza nunha dirección mais centrista e flexible.

8) É tan salientable a influencia de Hugo Chávez na actual conxuntura boliviana? Resulta evidente que existe unha estreita simpatía e colaboración entre o presidente venezolano Hugo Chávez e Evo Morales. O líder indíxena boliviano foi invitado a Caracas en diversas ocasións e aparece en diversos actos populares internacionais ao lado de Chávez (como no Cumio dos Pobos en Mar del Plata ou diversos actos políticos en La Habana e Caracas), nunha clara conxunción de intereses políticos. Neste apartado, Morales apoia directamente a opción do ALBA, fraguada por Hugo Chávez e o presidente cubano Fidel Castro, en clara contraposición ao ALCA defendido por EEUU.

Diversas fontes en Caracas e La Paz consideran, sen probas concretas, que o goberno bolivariano de Chávez financia directamente a candidatura de Evo Morales. O que semella evidente é que existe un claro interese de Chávez en colocar a Bolivia dentro da órbita de solidariedade coa "revolución bolivariana" e a opción do ALBA. En novembro pasado, un diplomático venezolano en La Paz provocou un incidente co goberno boliviano por apoiar publicamente a candidatura de Morales.

A potencialidade enerxética e gasífera de Bolivia e a forte presenza de movemento indixenista e alterglobalización son un escenario propicio para que Chávez poida exercer algún tipo de influencia exterior, o cal tamén reafirma o escenario de confrontación entre Caracas e Washington. Neste sentido, crea inquietude rexional a revelación de determinadas informacións nas que se especula dunha posible utilización de bases militares de EEUU en Paraguai e Ecuador, coa finalidade de repeler unha eventual explosión social en Bolivia que teña repercusión na área andina.

9) Están presentes no debate electoral o control do gas natural e a Lei de Hidrocarburos? Aínda que non directamente, nos próximos comicios tamén se decidirá o control dos recursos naturais do país, tomando en conta a reorientación xeopolítica do gas natural en América do Sur. Bolivia posúe un papel primordial no gas natural, co 52 trillóns de metros cúbicos de reservas moi apetecibles para os seus veciños, especialmente Chile, Perú, Arxentina e Brasil.

A polémica do control do gas natural provocou a caída de Sánchez de Lozada, e foi sometido a referendo popular durante a presidencia de Carlos Mesa. Hoxe, e tomando en conta que constitúe o principal vértice do poder en Bolivia, os candidatos moderan o seu discurso, salientando a necesidade da soberanía popular no control do mesmo.

Outro apartado ten que ver coa Lei de Hidrocarburos, aprobada polo Congreso durante a presidencia de Mesa, sobre a que existen reaccións contraditorias, influídas polo momento político.

En principio, semella que existe un certo consenso nacional sobre a súa aprobación, apoiado por Evo Morales, os empresarios bolivianos e os membros das multinacionais. Sen embargo, Morales vese apremado por grupos de presión que avogan pola nacionalización total, mentres diversas multinacionais tampouco aspiran a someterse por completo ao novo réxime legal, e incluso anunciaron demandas e rupturas nos investimentos.

10) Inflúe o problema da coca? Ademais da política, o gas natural e a lei de Hidrocarburos, o asunto relativo á problemática formulada pola política da coca constitúe outro escenario de alcance rexional, porque involucra ás poboacións indíxenas e campesiñas e a estratexia rexional antidrogas.

Só no 2005, a Axencia de EEUU para o Desenvolvemento Internacional, USAID, aprobou un orzamento de 235 millóns de dólares para combater o narcotráfico en Bolivia. En Bogotá, o Plan Colombia con EEUU foi ampliado ata o 2010 nun marco de política rexional denominado Plan Andino, que involucra a Perú, Ecuador e Brasil, incluída a cooperación militar. Velaí a necesidade estadounidense de asegurar gobernos afíns a esta estratexia.

O temor para EEUU céntrase nunha hipotética vitoria de Evo Morales. O candidato indixenista prometeu despenalizar o cultivo da coca, xa que considera que este problema engloba outros como as demandas de igualdade socioeconómica e os subsidios estatais, ademais de constituír o principal medio de subsistencia para as comunidades indíxenas e campesiñas. Sen embargo, en Bolivia aumentaron nun 17% os cultivos ilegais de coca.

Ante este panorama, o embaixador norteamericano en La Paz ameazou con cortar a axuda económica estadounidense a Bolivia no caso de gañar Morales, polo temor a que unha posible expansión rexional da "opción Evo" afecte á política antidrogas concibida desde Washington.

11) O escenario 2006: novo goberno e novos referendos? Calquera que sexa o goberno electo o 18 de decembro, a polarización política e a inevitable mobilización social seguirá presente nos escenarios previstos para o novo goberno e Congreso bolivianos.

O MAS buscará unha maioría sólida que lle permita controlar o Congreso e impulsar a súa principal proposta, a Asemblea Constituínte, cun referendo que se levará a cabo en xullo de 2006. Pola súa banda, PODEMOS aspira a que o seu candidato sexa elixido polo Congreso nunha segunda volta, e contar co apoio dos demais partidos centristas e de dereita, para poder gobernar en coalición. Pero as fendas poden manifestarse nun partido menos cohesionado que o MAS de Evo Morales.

12) Haberá máis tensións rexionais internas? O novo presidente deberá tamén lidar cos poderes rexionais, cada vez mais ambiciosos. En setembro pasado, a Corte Constitucional decidiu que os asentos parlamentarios estarían redistribuídos segundo o censo do 2001 en nove departamentos, atendendo ás demandas de rexións como Santa Cruz e Cochabamba, ante as fortes presión de La Paz, Oruro e Potosí. En Santa Cruz existen plans de realizar un decisivo referendo de autonomía, simultáneo ao da Asemblea Constituínte.

Bolivia, pois, semella chegar ao momento no que o pacto democrático establecido en 1985 resulta caduco, e urxe unha renovación das estruturas do Estado e o pacto social. Unha previsible reforma constitucional e novos comicios municipais, están previstos para o período 2007-2009, sempre e cando o novo goberno logre alcanzar o necesario nivel de estabilidade.

Igadi, 14 de Decembro de 2005


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: