Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CUNHA ANÁLISE SOBRE A POSMODERNIDADE

Rebeca Baceiredo gaña o Ramón Piñeiro de ensaio

A xornalista de 26 anos Rebeca Baceiredo vén de facerse co V Premio Ramón Piñeiro de ensaio, que convoca a editorial Galaxia. A obra gañadora, titulada O suxeito posmoderno analiza a estética posmoderna e a súa incidencia na "perda" da capacidade intelectual do home contemporáneo a través dun percorrido por disciplinas como a neurobioloxía, o cine ou a filosofía. O ensaio sairá publicado na primavera do ano que vén.

- 18:24 14/12/2005
Tags:

O xurado valorou a orixinalidade deste ensaio, que aborda a "diminución" das capacidades racionais dos individuos contemporáneos, provocada, a xuízo da autora, pola "sobreabundancia" de estímulos recibidos, e pola súa "superficialidade".

O fallo deuse a coñecer este mércores nun acto no que participaron, ademais da gañadora, o presidente da editorial Galaxia, Víctor Freixanes; a secretaria de comunicación de Unión Fenosa en Galicia, Amalia Baltar; e o secretario do xurado, Carlos González de Lema, que considerou positivo o "inmenso" proceso de filtración das lecturas que fixo Baceiredo, que non contou coa axuda de ningún titor. "Foi un traballo persoal", indicou a gañadora do certame, que é licenciada en Xornalismo na Facultade de Ciencias de Comunicación de Santiago e cursou estudios de terceiro ciclo en filosofía.

En anos anteriores o premio foi parar ás mans de autores consagrados do mundo cultural de Galicia, como o politólogo Xosé Luis Barreiro Rivas ou o histórico dirixente da Unión do Povo Galego Basilio Loureno. Por este motivo, Freixanes destacou a súa sorpresa ao descubrir a idade da vencedora (26 anos) e valorou a incorporación das "novas" xeracións ao panorama cultural galego.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: