Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SOLICITOU A COMPARECENCIA DE RAJOY E CASCOS

IU entrega as novas gravacións do Prestige no xulgado de Corcubión

Separar o barco da costa até que afundira. Esas foron as ordes que o 13 de novembro de 2002 deu o daquela director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors, tan só dúas horas despois de coñecerse que había un petroleiro á deriva en fronte da costa galega. Así o revela a conversa telefónica que esta fin de semana difundiu a Cadena Ser, parte dunhas gravacións aportadas no caso Prestige por Izquierda Unida que contradin a versión oficial na que goberno Aznar defendía que a decisión fora tomada despois de consultar con varios expertos e 24 horas despois do accidente.

- 10:04 13/12/2005
Tags:

A conversa, que se pode escoitar aquí, fai ver cando menos unha certa improvisación á hora de decidir afastar o barco e por iso IU, que foi quen obtivo esas cintas, anunciou en rolda de prensa que as vai presentar o martes no xulgado de Corcubión e que pedirá a comparecencia de Rajoy e Cascos na subcomisión do Prestige. O coordenador de IU, Gaspar Llamazares, asegura que "todas" as manifestacións de López-Sors demostran que afastar o buque da costa e "afundilo" foi unha decisión "consciente" que se tomou o mesmo 13 de novembro de 2002, e que con esta decisión, o Goberno do PP "convertiu no mesmo día un accidente nunha catástrofe ecolóxica sen precedentes.

Adega lamenta que Cascos vaia quedar impune
A presidenta de Adega manifestou en declaracións a Europa Press o seu desexo que Álvarez Cascos acabe pagando pola catástrofe, da que considera que foi un dos máximos responsábes. Para Adela Figueroa a gravación dada a coñecer pon de relevo que existían consignas políticas para afastar o petroleiro da costa e pide "unha estratexia de salvamento centrada en Galiza para que isto nunca máis volva acontecer" e que estea desligada das decisións políticas, que considera "perigosas", como aconteceu con esta do PP.

O BNG esixe "depuración de responsabilidades" por vía penal
Para o deputado do BNG Bieito Lobeira, esta gravación "evidencia a incompetencia e descoñecemento" de Galiza que tiñan as autoridades nese momento responsábeis de Salvamento e que xa no seu día denunciara o Bloque. Segundo Lobeira, nas conversas descóbrese que López-Sors "nin coñecía os medios disponíbeis", e acusa as autoridades de non teren posto en práctica "nin os mínimos procedementos" recollidos para este tipo de casos, tanto nos planos de continxencia marítima coma nos convenios internacionais. Por iso considera necesario reclamar competencias para Galiza en seguridade e loita contra a contaminación marítima e dotala de medios precisos para facerlles fronte a este tipo de accidentes, "medios e competencias que Galiza segue sen ter".

Touriño acusa de "irresponsabilidade" o anterior Goberno central
O presidente da Xunta tamén opinou en rolda de prensa sobre as declaracións recollidas pola Ser. Considera que estas cintas "son a confirmación por vía documental de algo que toda a cidadanía galega sabía, que a decisión política da xestión do Prestige era unha decisión tomada sobre a base dunha decisión previa, tomada ao inicio mesmo do accidente, de afastar o máximo posible o barco e afundilo".

Para Touriño con estas gravacións queda "clara" a que definiu como a "manobra política" coa que o Executivo anterior xestionou o accidente "dende a irresponsabilidade, o falseamento da información e a non asunción de responsabilidades". Fronte a esta actitude contrapuxo a actuación da cidadanía, especialmente do voluntariado, "que demostrou unha extraordinaria madurez".

Rajoy considera todo este asunto unha "cortina de fume"
O presidente do PP cre que detrás das informacións aparecidas estes días sobre o Prestige está a intención do PSOE de crear unha "cortina de fume" para non falar das "cousas serias" que están a pasar en España, como son as reformas que lle afectan ao modelo de Estado ou as hipotéticas conversas do Goberno con Batasuna.

Sobre a petición de IU para que compareza canda Cascos na subcomisión do Prestige do Congreso de Deputados, Rajoy respondeu: "Eu, a onde me leven", aínda que logo agregou que un país "serio" debería preocuparse "polas cousas serias" como o desenvolvemento do Plan Galicia. "Pero temos un Goberno cuns socios que queren saber que aconteceu coa Guerra Civil... e podemos chegar até Felipe V", engadiu.

E a López Veiga parécelle "sospeitosa" a aparición das cintas
O conselleiro de Pesca cando a crise do Prestige, Enrique López Veiga, declarou a Europa Press que lle parece "un pouco raro que aparezcan aos tres anos" de producirse estas conversas "que estaban aí", cando na actualidade "hai un cacao enorme" cos estatutos e outros aspectos da axenda política.

Aínda así, asegurou que "ningún membro" no Goberno da Xunta daquela participou nas conversas entre José Luis López-Sors e o entón xefe do Centro Nacional de Coordenación de Salvamento, Pedro Sánchez, sobre a decisión de afastar o petroleiro o mesmo día do accidente, o 13 de novembro de 2002.

Segundo López Veiga o Goberno galego no momento do desastre "non soubo nada" da decisión de afastar o Prestige "até ben pasadas 24 horas". "Aquí estabamos preocupados por preparar axudas para a xente afectada", matizou. Por iso asegurou que será o ministro de Fomento naquel momento, Francisco Álvarez Cascos, o que "terá que responder se
había unha consigna política".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: